Vimianzo ofrece un programa lúdico para favorecer a conciliación durante Semana Santa
- As actividades están dirixidas a nenos e nenas de 3 a 12 anos e desenvolveranse os días 14, 15, 16 e 21 de abril de 10:00 a 14:00 horas. Ademais, ofrécese un servizo de madrugadores de 08:00 a 10:00 horas

07:40 07/04/25
O Concello de Vimianzo facilitará a conciliación ás familias durante as vacacións de Semana Santa cun programa lúdico dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos.
As propostas, unha alternativa de ocio educativo para este período, desenvolveranse os días 14, 15, 16 e 21 de abril, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Tamén se ofrece un servizo de madrugadores de 08:00 a 10:00 horas para aquelas familias que así o necesiten.
O pavillón acollerá este campamento, no que os pequenos e pequenas participarán en diferentes actividades como decoración de ovos de Pascua, contacontos, animación musical e xincanas.
O prazo para inscribirse pecharase o xoves, día 10. As solicitudes deberanse entregar de maneira presencial na Casa da Cultura.