Venres. 26.04.2024
El tiempo

Vimianzo pon fin a xullo con visita nocturna, foliada e artesanía

Vimianzo pon fin a xullo con visita nocturna, foliada e artesanía
  Visita nocturna ao Castelo de Vimianzo Visita nocturna ao Castelo de Vimianzo A último fin de semana de xullo será intensa en Vimianzo con diferentes actividades no seu patrimonio máis destacado. Visitas guiadas, teatralizadas, de noite, artesanía e foliada son os ingredientes que este fin de semana compoñen a axenda de Vimianzo, Historia Viva.

Noite no castelo

O venres á noite ábrese a axenda cultural cunha visita nocturna ao castelo de Vimianzo ás 22h30. Despois da exitosa convocatoria do ano pasado este verán o espírito do poeta Evaristo Martelo guiará aos visitantes pola que foi a súa última morada. Quen asista a esta visita terá a sorte de poder acceder a este histórico edificio coa súa fermosa iluminación nocturna.

Foliada do batán

A outra gran peza patrimonial de Vimianzo, o conxunto etnográfico do Mosquetín será o protagonista da outra gran cita da fin de semana: a Foliada do Batán. Nela convídase a todos os trouleiros a que leven a súa merenda e instrumentos ou ganas de bailar para que se celebre unha romaría como as de antes, só que neste caso non hai santo. O protagonista é o batán, un elemento etnográfico singular desaparecido na maior parte de Galicia e que en Vimianzo aínda se pode ver en funcionamento. O programa comeza ás 13h cunha visita teatralizada ao conxunto por parte dun bataneiro da época. Xa despois comeza o xantar á beira do río Grande e soará a música dos grupos AC Trubisquiña (Vimianzo) e Do fondo do peto, chegados de Santiago de Compostela.

Artesanía

Alén da Mostra de Artesanía ao Vivo que se pode ver no castelo de Vimianzo, os artesáns realizan cada sábado diferentes obradoiros para os visitantes. Este sábado ao mediodía a asociación ASPADEX mostrará o seu traballo en favor da inclusión social. Xa pola tarde a partir das 17h os que visiten o castelo terán a oportunidade de realizar unha peza de barro con Olería Cambón.

E máis visitas

A programación extraordinaria complétase ademais coas habituais visitas guiadas e teatralizadas. As visitas guiadas ao castelo son sábado e domingo ás 12h e 19h, as teatralizadas os domingos ás 13h e 17h, e as do conxunto etnográfico do Mosquetín ás 13h e 18h.

Comentarios