venres. 06.06.2025
El tiempo

Vimianzo volve redescubrir o seu patrimonio natural cunha serie de Andainas polos seus Recunchos

Ruta nocturna Petroglifos Vimianzo
Imaxe dunha Ruta nocturna polos Petróglifos vimianceses
Vimianzo volve redescubrir o seu patrimonio natural cunha serie de Andainas polos seus Recunchos

O Concello de Vimianzo continúa a súa aposta pola posta en valor do territorio cunha nova edición do programa de andainas ‘Recunchos’, unha iniciativa coa que se busca fomentar o coñecemento do patrimonio natural, histórico e cultural do municipio a través de rutas de sendeirismo. 

RECUNCHOS Vimianzo 2025

As rutas

Nesta ocasión, o programa ofrece catro propostas que se desenvolverán entre os meses de xuño e outubro.

A primeira será o dominco 15 de xuño, cun percorrido de 11 quilómetros polas terras de Carantoña. Nesta andaina as persoas participantes camiñarán pola beira do río Grande, dende o merendeiro de Basandín ata Ponte do Porto, para logo remontar o curso do río ata o Pozo do Corvo.

O día 29 de agosto terá lugar unha das actividades máis singulares, xa que se trata dunha andaina nocturna para coñecer os petróglifos. Trátase dun percorrido circular de 4,4 quilómetros con saída e chegada na praza do Concello que será guiado por membros do colectivo A Rula. Durante a camiñada visitaranse o petróglifo de Somontemío, a Cruz do Loureiro e os do Prado da Cruz. A iluminación artificial permitirá observar estes gravados milenarios con todo luxo de detalles. Será imprescindibl levar lanterna, roupa cómoda e calzado axeitado para o monte.

O día 20 de setembro terá lugar a andaina na que se darán a coñecer os segredos do Val de Vimianzo. A través de 14 quilómetros, este roteiro permitirá afondar na riqueza cultural e paisaxística do val, visitando núcleos con interesantes exemplos de arquitectura popular. Tamén se inclúe unha parada para coñecer algúns petróglifos descubertos recentemente grazas ao traballo de investigación realizado por David Roget. A andaina completarase desfrutando das vistas desde a Cruz do Loureiro e cun paseo pola ribeira do río de Cambeda.

Por último, o 4 de outubro terá lugar unha das andainas máis características: a visita aos Penedos de Pasarela e Traba. Esta ruta de 8 quilómetros permitirá aos participantes contemplar auténticas esculturas naturais esculpidas polo paso do tempo. Poderán coñecer, así, formas tan curiosas como a águia, o cantor, o coello, a esfinxe ou a osa, entre moitas outras.

Inscricións

Para participar nas andainas é necesario inscribirse previamente a través deste formulario habilitado

É recomendables levar comida, auga, roupa cómoda e calzado axeitado para a práctica deportiva. Os desprazamentos ata o punto de inicio de cada ruta correrán por conta das persoas participantes.

Máis novas

Comentarios