Xoves. 10.10.2024
El tiempo

35 entidades da Costa da Morte reciben a distinción de Calidade Turística SICTED

  • Destacaron a colaboración público-privada para mellorar a calidade do sector turístico
sicted_diplomas_CMAT_1
35 entidades da Costa da Morte reciben a distinción de Calidade Turística SICTED

As 35 entidades recoñecidas coa distinción do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino Costa da Morte participaron no acto de entrega dos diplomas SICTED organizado pola CMAT e celebrado no centro sociocultural de Baio (Zas) este xoves 21 de marzo.

O acto foi inaugurado coa intervención de Manuel Muíño, presidente da CMAT e alcalde de Zas, que resaltou unha vez máis a importancia de que tanto o sector público como o privado remen conxuntamente e con continuidade para poder chegar a esa meta de desenvolver a Costa da Morte como un destino turístico diferente, potenciando as súas fortalezas: «É importante destacar a integración dos proxectos SICTED e de astroturismo. Neste sentido, o SICTED pode servir de vínculo entre os actores turísticos locais públicos e privados. Deste xeito, pódese cooperar no deseño e desenvolvemento das actividades que serven para o progreso turístico da Costa da Morte, como o VII Encontro Internacional Starlight», que se celebrará do 1 ao 4 de outubro deste ano na Casa da Cultura do concello de Cee..

A segunda intervención veu a cargo do vicepresidente da Deputación de Coruña e deputado de Turismo, Xosé Regueira, que tamén quixo subliñar a importante labor que están a desempeñar estas 35 e outras entidades que cada día se esforzan por mellorar a marca turística de Costa da Morte. Tamén quixo aproveitar parte da súa intervención para dar os parabéns á CMAT por «iniciar ese camiño de aposta pola calidade turística».

A continuidade do SICTED na Costa da Morte

Marta Rodríguez, membro da secretaría técnica da CMAT e tamén Xestora SICTED no territorio da Costa da Morte, aproveitou para salientar a importancia do papel das entidades turísticas: «Ademais do apoio por parte da CMAT e da Deputación da Coruña, hai que recoñecer o gran esforzo de todas as persoas que hoxe ides recoller este recoñecemento, porque hai que dedicarlle moito tempo, autocrítica e compromiso coa calidade turística».

Emilio Cuíñas, director de Autoxiro e consultor SICTED, pola súa banda, adiantou información sobre a planificación cronolóxica do SICTED Costa da Morte para esta anualidade 2024. Neste sentido as entidades xa distinguidas pasarán a un segundo ciclo e tamén se abrirá un novo período de adhesión ao Ciclo 1 para novas empresas e outros servizos turísticos. O obxectivo é desenvolver este proxecto entre abril e novembro de 2024.

Tras a entrega oficial dos diplomas que recoñecen a boa labor destas entidades no eido turístico, Pepe Formoso, presidente da Asociación de Empresarios do Turismo da Costa da Morte (APTCM), clausurou o acto cun discurso para reivindicar a capacidade de traballo e as boas sinerxías do sector privado para poñer en valor o territorio da Costa da Morte a nivel turístico: «Xa somos uns 170 socios, seguimos crecendo, e actualmente estamos traballando desde APTCM nunha segunda edición de Meses con R».

Aberto o prazo de inscrición para a nova anualidade

Xa está aberto o período de inscrición para as entidades que se queiran adherir nesta anualidade ao SICTED. Toda a información sobre o procedemento, os prazos e demais pódese atopar na web da CMAT, así como un enlace para que restaurantes, artesáns e artesás e comercio de artesanía local –ademais dos oficios xa representados–, podan solicitar a súa adhesión ao SICTED.

Máis novas

 

Comentarios