A ITV de Zas xa é a máis avanzada tecnolóxicamente de Galicia


Pois si, xa está en marcha. Rematou a histórica loita por ter unha infraestrutura como a ITV na Costa da Morte. Onte, mércores 4 de xullo, a empresa Supervisión y Control inauguraba no Polígono do Allo, en Baio, Zas, a estación de ITV coa tecnoloxía máis avanzada de Galicia e á vangarda do país en innovación.
Nas instalacións, unha vella demanda dos veciños da zona, prestarase servizo a 15 municipios e máis de 35.000 vehículos que poderán realizar as súas inspeccións a partir de xa.
Acto de inauguración

As autoridades participantes no acto destacaron precisamente estes dous aspectos: o servizo que vai prestar e o beneficio que suporá para os usuarios de esta ampla zona da Costa da Morte, e a aposta tecnolóxica realizada por Supervisión y Control. O acto, que foi presentado pola nova directora da estación, Carmen Fernández, e na que actuou como anfitrión o presidente do Grupo Fomento de Iniciativas, ao que pertence Supervisión y Control, Amador de Castro, contou coa presenza do director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galicia, Ángel Bernardo Tahoces, así como o alcalde de Zas, Manuel Muíño, e outros rexidores da comarca, diputados provinciais, concelleiros e numerosos veciños, entre os que se atopaban representantes do sector da automoción de toda a área de influencia da nova estación de ITV.
O alcalde de Zas quixo destacar a presenza neste acto de rexedores de toda a comarca que ase verán beneficiados por esta nova estación, lembrando que “hoxe é un día grande para a Costa da Morte”.
Vangarda tecnolóxica
Entre as principais novidades desta estación no aspecto tecnolóxico destaca o feito de que desaparecen os papeis, xa que todo o proceso vaise notificando en tablets. Ademais, as instalacións contan co primeiro frenómetro universal, que permitirá realizar as probas de freado a vehículos industriais de máis de dez toneladas, abarcando por tanto camións e autobuses, grazas ao seu sistema de carga simulada.
En marcha as inspeccións
A nova estación de ITV de Zas inicia hoxe as inspeccións, para as que xa están cubertas todas as citas ata o mércores próximo. Conta con dúas liñas para atender a todo tipo de vehículos e catro profesionais en plantilla para realizar as inspeccións e desenvolver tarefas administrativas.
Xa poden solicitar Cita Previa na ITV de Zas.
- SYC ITV: Cita Previa na ITV de O Allo, Zas.
Novas relacionadas
- 03-07-12: Abre finalmente a ITV de Zas tras moitos anos de loita.
- 01-11-11: Por fin comezaron as obras da ITV de Zas.
- 03-06-11: A Xunta asegura que a ITV estará rematada en outubro.
- 02-05-11: Manifestación pola ITV: A Costa da Morte sabe manifestarse.
- 07-03-11: A Costa da Morte e Zas únense, con excepcións, pola ITV.
- 23-09-09: Primeiro toque de atención a Neria trala nova polémica sobre a ITV.
- 23-05-08: A ITV terá finalmente a súa sede en Baio.
- 05-11-07: O PP de Vimianzo segue coa súa loita particular pola ITV .
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).
- Nota de prensa de Supervisión y Control.