Xoves. 25.04.2024
El tiempo

As trampas eliminan miles de velutina en Carballo e en Zas

As trampas eliminan miles de velutina en Carballo e en Zas
campana trampeo velutina Concello Zas As trampas instaladas polo concello de Zas capturaron na última quincena de maio 577 velutinas Foron varios os concellos da Costa da Morte os que nos meses pasados puxeron en marcha unha campaña de trampeo contra a avespa velutina. Entre eles están os de Carballo e de Zas que tomaron así o control dunha praga que a criterio do alcalde de Zas, Manuel Muíño, "é competencia da Xunta". O servizo de control de pragas de Carballo, vén de pechar a súa campaña na que ao longo destes dous meses capturaron un total de 10.546 raíñas nas 425 trampas instaladas en diversos puntos do municipio carballés. "Isto supón que se evitou a posible formación doutros tantos niños no noso concello", sinalan dende o goberno municipal. O servizo municipal de control de pragas contou de novo coa axuda tanto dos/as apicultores/as. En total colocáronse 425 trampas, distribuías do seguinte xeito: 20 en Carballo, 30 en Ardaña, 20 en Bértoa, 60 en Razo, 40 en Cances, 60 en Berdillo, 20 en Aldemunde, 130 en Rus, 20 en Oza, 10 en Entrecruces, 10 na zona de Baldaio e 5 en Sísamo. Este ano colaboraron moitos particulares e tamén os centos de alumnos e alumnas de todos os colexios de infantil e primaria que participaron na campaña divulgativa desenvolvida durante os meses de xaneiro e febreiro. Agora, unha vez rematada a campaña, procederase de xeito inmediato á retirada desas 425 trampas para non xerar residuos e tamén para evitar que caian nelas outros insectos. Zas No caso de Zas, a campaña de trampeo continúa activa durante os próximos días. Precisamente o pasado venres, día 1, renováronse as trampas colocadas polo concello en distintos puntos de maior sensibilidade. Ao mesmo tempo, recolléronse as trampas da última quincena de maio nas que se capturaron un total de 577 exemplares, das cales 368 eran raíñas e 209 obreiras. Dende o concello sinalan que para seguir freando esta praga é fundamental a colaboración da veciñanza animándoos a que coloquen as súas propias trampas. Para realizalas é necesario unha botella de plástico que conteña líquido atraínte e uns buratos que permitan a entrada das vespas. Os puntos máis sensibles atópanse en zonas de árbores con flor, como camelias e rododendros, e de árbores froiteiras. Así mesmo, os apicultores poden colaborar indicando a localización das súas colmeas por ser lugares sensibles ao ataque da velutina. Toda a información ou dúbidas sobre a praga pode aclararse a través do número de teléfono do concello de Zas (981 70 83 03).

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios