Baio demostrou, coa Pelota, o potencial do seu comercio e hostalería
Fermosa e activa fin de semana a vivida en Baio. A Porta Grande da Costa da Morte celebrou as súas sempre axitadas xornadas comerciais do Baio ten a pelota, na que as ofertas e as tapas maridan coa festa e a música. Acompañou o tempo, ademais, con ese "nin fú nin fá", nin calor de praia, nin choiva, que resultaba perfecto para unha xornada coma esta.
Participaron todos os comercios e bares da vila, o cal indica as gañas que hai deste tipo de campañas entre o sector servizos, tendo en conta que é o Concello o que asume con todos os gastos.
O venres os hostaleiros e comerciantes presentaban xunto co Concello a fin de semana na praza Jorge Mira, catando todas as propostas de tapas que se sacaron ao longo da fin de semana e que tanto éxito tiveron.
A partir de aí non pararon de pasar gaiteiros e charangas, que amenizaron cada sesión vermú e cada noitiña.
Moito traballo tivo tamén o tren turístico, carrexando de arriba para abaixo a moita xente que se animaba, e mesmo provocando, a modo de anécdota, que se avariase na xornada dominical.
Así, os sectores da hostalería e o comercio local agradecen esta clase de impulsos municipais e xa pensan na seguinte edición.