As campañas de trampeo demostran a expansión da avespa velutina
Os datos demostran que a actividade da avespa velutina segue sendo moi intensa, xa que nas campañas realizadas nos anteriores anos capturáronse moitas menos especies no mesmo periodo. Así o comproban os servizos de Carballo e Zas estes días, facendo as primeiras “colleitas” das raíñas capturadas nas trampas colocadas por Concello e veciños colaboradores.
Leva dous meses en marcha a campaña de trampeo contra a avespa velutina en Carballo. Saben que é unha época clave xa que cantas máis raíñas se consigan atrapar a través das diferentes trampas colocadas por todo o municipio, menos niños aparecerán nos vindeiros meses. No concello bergantiñán, ademais do Servizo Municipal de Control de Pragas, hai 77 colaboradores/as repartidos polas 18 parroquias, que axudaron a colocar un total de 787 trampas, que permitiron capturar nada menos que 10.556 raíñas de avespa velutina.
A campaña prolongarase ata finais deste mes.
Ademais, o Servizo segue a disposición da veciñanza para a retirada de niños. No mes de abril foron retirados 6: 3 na parroquia de Entrecruces e 3 na de Sofán. Os avisos poden realizarse a través dos teléfonos 112 o 012 ou a través da APP do Concello de Carballo que podes instalar no teu teléfono móbil.
311 raíñas en Zas
Por Zas tamén están traballando a campaña de trampeo da man da empresa especializada Serpa, e nos primeiros 15 días capturaron 311 raíñas. As máis de 70 trampas foron colocadas en puntos sensibles, como poden ser zonas de árbores con flor, froiteiras, regatos,…
O Concello anima á veciñanza a colaborar e poñen a disposición o teléfono do Concello de Zas (981 70 83 03).
Novas relacionadas
- Abril 2020: “Vale moito máis unha raíña capturada agora que mil trampas cheas no verán”.
- Abril 2020: A velutina non sucumbe ao coronavirus.
- Marzo 20: Concello, apicultores e veciñanza únense en Carballo contra a velutina.
- Febreiro 2020: Camariñas denuncia que o programa da Xunta contra a velutina non inclúe o trampeo.
- Setembo 19: Eliminando niños de velutina con drones.
- Agosto 19: A eclosión da velutina deixa sen marxe aos servizos de eliminación de niños