Venres. 29.03.2024
El tiempo

A Carballeira de Baio, o primeiro espazo da Costa da Morte no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras

carballeira baio-Arbores Senleiras
A Carballeira de Baio, o primeiro espazo da Costa da Morte no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras

Ata esta semana o carballo de Vilar de Francos era o único exemplar costeiro protexido. Pero a Carballeira de Baio vén de ser integrada no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Pasa a ser así o primeiro espazo conxunto da Costa da Morte (só hai 40 en toda Galicia), tras ser aprobada a solicitude realizada polo Concello aló polo mes de marzo, cunha detallada relación das especies dominantes así como diverso material que acredita o valor cultural e histórico do lugar.

Precisamente a dendrometría e os aspectos culturais e históricos foron os principais motivos polos que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aprobou a solicitude.

Así, dende agora este é un espazo protexido que conta cunhas medidas especiais de conservación e co recoñecemento oficial do seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico e ornamental. Hasberá que seguir facendo podas estratéxicas daqueles exemplares que precisan, así como a retirada de ramas secas.

A Carballeira de Baio ten unha superficie de 9.695 metros cadrados e dende xuño de 2017 é de propiedade municipal despois de que o Concello de Zas mercase os terreos situados ao carón do paseo fluvial da vila. Aínda que se descoñece con exactitude a data exacta da plantación, estímase que a maior parte dos carballos - Quercus robur L. - aquí presentes teñen uns 200 anos atendendo á súa morfoloxía e ás súas dimensións. A Carballeira está formada por case 300 carballos que, nalgún caso, superan os 20 metros de altura. Os seus troncos forman interesantes imaxes que abren a imaxinación de quen os visita e esto débese, en boa parte, a que as árbores medraron de forma natural competindo entre si.

Ademais, aseguran que o espazo é parte da vida cultural e social como o demostra a festa da Carballeira de Baio que se celebra o último domingo do mes de xuño dende hai máis de corenta anos.

Novas relacionadas

Comentarios