A Carballeira de Baio camiño do catálogo de Formacións Senlleiras
- Sería o primeiro espazo da Costa da Morte
O catálogo de Formacións Senlleiras é unha denominación da Xunta para protexer diversos espazos naturais do país. A día de hoxe, da Costa da Morte no catálogo de árbores Senlleiras só está o Carballo do Pazo de Vilar de Francos, en Carballo, e non existe ningún bosque costeiro inserido na lista. Si están o Buxal da Casa de Botana (Arzúa), o Souto da Retorta (Viveiro) ou a Carreira de Araucarias de Noia.
A primeira formación da Costa da Morte que busca esta figura de protección é a Carballeira de Baio. O Concello de Zas está rematando o informe que se lle enviará á Xunta de Galicia para incluír a Carballeira dentro do catálogo.
Ademais de poñer en valor os mesmos carballos, o informe acredita o valor cultural do lugar onde se celebra unha festa popular o último domingo do mes de xuño dende hai máis de corenta anos. Dende xuño de 2017 a Carballeira de Baio é titularidade pública despois de que o Concello de Zas mercase este terreo situado ao carón do paseo fluvial.
En palabras do Alcalde de Zas, Manuel Muíño, “este é un chanzo máis na conservación e preservación deste espazo para poder legarllo ás xeracións futuras e que poidan desfrutalo como como nós o desfrutamos na actualidade”.