Este verán tampouco haberá Festa da Carballeira de Zas

Repasabamos semana pasada que pensaban facer, entón, os festivais da Costa da Morte. E xa imos tendo máis novidades. Despois do aparazamento do 25 aniversario Asalto ao Castelo posposto para 2021, da suspensión do Rockin’Carballo no marco das Festas de San Xoán; ou por exemplo, da anulación da Festa do Percebe de Corme, este vernes sabemos que este verán tampouco teremos Carballeira de Zas.
A organización da A.C. Castro Meda, despois de moito sopesar, decide cancelar a 37ª da Festa da Carballeira, que se ía celebrar o 31 de xullo e o 1 de agosto de 2020. “A situación actual non nos permite garantir a seguridade de todas as persoas participantes no festival (voluntarios, artistas, técnicos, provedores e público)”, explica. “É unha decisión tomada dende a responsabilidade, con todos os participantes, pero sobre todo, responsabilidade cos nosos veciños e os nosos maiores aos que queremos seguir vendo en futuras Carballeiras”.
Xa se poñen a preparar a edición de 2021 (que será o 6 e 7 de agosto), que esperan sexa “unha edición especial, máis plural, máis galega ca nunca, e sobre todo libre de virus”, e que servirá para estrear o recén conseguido título de Festa de Interese Turístico Galego.
Novas relacionadas
- Febreiro 2020: A Festa da Carballeira, a 11ª Festa de Interese Turístico da Costa da Morte.
- Carballeira 2019: Crónica: Tradición e vangarda déronse a man na 36ª Festa da Carballeira de Zas.
- Unha viaxe ás orixes da Festa da Carballeira de Zas.