Sábado. 27.04.2024
El tiempo

Case un milleiro de frases feitas da novela Costa do Solpor, analizadas pola RAG

Xosé María Lema Suárez_horizontal
Xosé María Lema Suárez
Case un milleiro de frases feitas da novela Costa do Solpor, analizadas pola RAG

Xa está no web da RAG a publicación no nº 39 da revista "Cadernos de Lingua" o artigo de Xosé Mª Rei Lema(licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa) titulado "Fraseoloxía da novela 'Costa do Solpor', de Xosé Mª Lema'".

Na presentación académica saliéntase que no traballo se rexistraron arredor de 950 frases feitas galegas, un número considerable, dificilmente igualable na narrativa galega actual e iso que o traballo fíxose tendo por base a edición reducida da novela, a que sacou en 2017 con 220 páxinas menos.

As expresións ofrécense ordenadas alfabeticamente, acompañadas da súa explicación e exemplos tirados da novela coa referencia da páxina correspondente. Entre elas destacan sobre todo as relacionadas co mar, xa que esta é unha novela de aventuras ambientada na costa coruñesa do século XVIII, dende a cidade herculina ata o cabo de Fisterra, unha situación xeográfica que tamén se reflicte a través das formas dialectais propias da costa fisterrá.

Expresións para cualificar o estado do mar como mar desfeito, ferver o mar, unha vaga de mar campal ou ventar un cifral; para referirse ao estado dunha embarcación (quedar ao garete, poñerse ao pairo, á valga, recoller o trapo...) ou para falar das actividades dos personaxes (andar ás crebas, andar ao corso, armar en corso...) son só algúns exemplos da pegada mariñeira na fraseoloxía que se atopan nunha ficción na que tamén abondan, entre moitas outras, as que indican cantidades (a centos, a eito, a embute, ás envorcadas, a esgalla, a pote, a regos...) e na que as distancias veñen marcadas por unha carreiriña de can ou diante dos fociños.

NOVAS SOBRE LEMA SUÁREZ

ARTIGOS DE LEMA SUÁREZ EN QPC

Comentarios