mércores. 30.04.2025
El tiempo

Completo programa para o centenario da morte de Labarta Pose

programacion-centeario-enrique-labarta-pose-Zas
Completo programa para o centenario da morte de Labarta Pose

O 13 de maio é unha data sinalada no calendario do Concello de Zas xa que neste 2025 cúmprense 100 anos da morte de Enrique Labarta Pose. Por este motivo, o Concello de Zas, a través do seu departamento de Cultura, vén de deseñar unha programación especial na lembranza do polifacético escritor que se desenvolverá durante os vindeiros meses e que se realizará coa colaboración da comunidade educativa e do grupo de teatro Badius.

Unha nova demostración que o Concello zaseiro lle ofrece á Real Academia Galega para que se lle dedique o Día das Letras Galegas.

Actividades nas escolas

A primeira actividade será o 26 de marzo coa lectura da obra “O segredo do Tío Sanfona”, que realizará o  alumnado do IES Maximino Romero de Lema no programa de Radio Escolar Vimianzo. Tamén gravarán en podcast o conto “A Compaña”.

En abril instalaranse nas principais rúas de Baio e de Zas unha exposición conmemorativa cunha escolma de poemas de Enrique Labarta Pose.
Coincidindo co Día Internacional do Libro, que se celebra o 23 de abril, levaremos o contacontos “O poeta do pobo” ao CPI de Zas (10:00 horas) e ao CEIP Labarta Pose (11:30 horas). Diso encargaranse os membros de “Polo Correo do Vento”.

Acto central

Un dos actos centrais desta programación especial na honra de Enrique Labarta Pose será o 13 de maio, coincidindo co día exacto do seu falecemento, e realizarase na Praza Jorge Mira Pérez de Baio a partir das 11:00 horas. Nesta conmemoración decobriremos un monumento, realizarase un acto simbólico do seu enterramento, realizarase unha ofrenda floral e farase a lectura do poema “Que me enterren aló” coa participación do alumnado do CPI de Zas, do CEIP Labarta Pose e do IES Maximino Romero de Lema.

Teatro en Baio

Algunhas obras de teatro máis relevantes escritas por Enrique Labarta Pose representaranse na tarde do domingo 25 de maio no Auditorio de Baio. O alumnado do CEIP Labarta Pose interpreterá “O ao Sanfona”, “A lingua pequena” e “Falade Galego!”; mentras que o o grupo de teatro Badius representará “Unha boa misa”.

Ademais, durante a Semana Cultural que organiza o IES Maximino Romero de Lema realizarase un roteiro literario polo espazos bibliográficos e literarios localizados en Baio.
E xa por último, o grupo de música local Sidhe está a traballar nestes meses na musicalización da súa obra poética que pronto poderemos escoitar.

Máis novas

Comentarios