O Concello de Zas xa ten a titularidade das estradas do centro de Baio
18:36 20/10/22
Cada vez que o Concello de Zas quería realizar algunha actividade no centro de Baio, ocupando a AC-552 que atravesa a vila, ou a AC-430 (a que sae dende a ponte cara Laxe), tiña que pedir permiso á Xunta. Pero o ente autonómico vén de aprobar o cambio de titularidade dos dous treitos das estradas que conforman o centro urbano da vila en favor do Concello de Zas.
Transfírense o treito inicial de 180 metros de lonxitude da AC-430 e o tramo de case 500 metros da AC-552, entre o quilómetro 58 e o 58+440, tendo ademais a alternativa da Vía de Alta Capacidade como treito de vía.
O Concello terá competencia para actuar nestas estradas e asumirá a responsabilidade da súa conservación e mantemento.