A Deputación avanza as novas sendas en Cabana e Zas
A Deputación da Coruña visitou onte as obras das novas sendas en estradas de Cabana e Zas, que suman un investimento de preto de 1 millón de euros.
DE NEAÑO A ALLO
O presidente Valentín González Formoso visitou en primeiro lugar o Concello de Cabana onde, acompañado do alcalde José Muíño Domínguez e da deputada de Vías de Obras, Mónica Rodríguez, supervisou o inicio das obras de mellora da seguridade vial e construción dunha nova senda peonil da estrada DP 1406 de Neaño ao Allo por Cesullas.
As obras, cun investimento de 773.498 euros e un prazo de execución de oito meses, consisten na construción dunha senda de dous metros de ancho pola marxe dereita da calzada entre os puntos quilométricos 0+680 e 1+900 (1,2 quilómetros), así como unha ampliación da plataforma da estrada para conseguir dous carrís de 3,5 metros e beiravías de medio metro.
FORNELOS
A comitiva supervisou o resultado das obras da nova senda peonil na estrada provincial DP 4001 de Baio a Laxe, que conectan o núcleo de Fornelos coa estrada AC-400, e que acaban de rematar.
A zona, que conta con numerosas vivendas ao longo da estrada, carecía ata agora de beirarrúas ou sendas en varios tramos, o cal supoña un risco para a seguridade viaria.
Con esta obra, que supuxo un investimento de 177.393 euros, ponse ao dispor da veciñanza un itinerario peonil seguro de 600 metros de lonxitude, ademáis da renovación dos dos pavimentos e a preinstalación soterrada da rede de alumeado público, o que mellorará tamén a estética da zona evitando o tendido aéreo.
Obras de conservación nas Torres do Allo, o primeiro pazo galego
Formoso visitou tamén en Zas as Torres do Allo, considerado por moitos historiadores como o primeiro pazo galego, pois a súa construción comezou a finais do século XV.
A Deputación investe algo máis de 30.000 euros en distintos traballos limpeza e pintado das fachadas norte, sur e oeste; a reparación dalgúns elementos pétreos e a limpeza da cuberta do edificio para mantelo nas mellores condicións de cara á tempada estival, cando a Deputación habilita o servizo de visitas guiadas diario e o pazo conta con maior afluencia de visitantes.