A exposición de maquetas Exin permanecerá nas Torres do Allo ata o mes de setembro
“Pensamos que esta mostra é unha forma lúdica e atractiva de dar a coñecer o noso patrimonio, e máis aínda nun marco tan acaído como son as Torres do Allo” asegurou Xosé Lois Penas tras a visita. O deputado de Patrimonio puxo en valor a oportunidade que ofrece “como percorrido por diferentes enclaves emblemáticos do noso territorio, mais tamén da nosa histororia, nomeadamente do período medieval”.
Tras a visita, o deputado de Patrimonio e a Asociación Exín Castillos falaron da posibilidade de incorporar á colección maquetas do Castelo de Vimianzo e do Mosteiro de Caaveiro.
Pola súa banda o alcalde de Zas, Manuel Muíño indicou que “estou seguro que esta iniciativa vai sorprender a todos os visitantes que se acheguen durante estes meses ás Torres do Allo”. Ademais, quixo salientar que “aínda que todas as reproducións son de monumentos moi coñecidos, a min gustaríame sinalar que inclúe dous moi representativos do Camiño, a Catedral de Santiago e o faro de Fisterra”.
Os monumentos da provincia da Coruña que aparecen representados na mostra son o Faro de Fisterra, a Catedral de Santiago, o monumento aos Mártires de Carral, a Torre de Hércules, o Pazo de Meirás, a igrexa de Santa María de Cambre, o Torreón dos Andrade e as Torres do Allo. No verán incorporarase o Castelo de Moeche – que está depositado permanentemente no propio Castelo de Moeche-.