A Festa da Carballeira máis galega e solidaria
Xa está aquí a 36ª Festa da Carballeira de Zas. Xa podedes ir reservando a fin de semana de 2 e 3 de agosto, e facervos co voso abono en www.festadacarballeira.com, porque a cousa vén espectacular. Un evento marcado no calendario de milleiros de persoas da Costa da Morte, que serve ademais de perfecto escaparate da Costa da Morte e da música galega contemporánea.
Así o refrendan as 5.000 entradas vendidas do ano pasado, ás que hai que unir todos menores de 14 anos e maiores de 60 anos que este ano tampouco pagan por entrar, ademais das dúas invitacións que o Concello de Zas entrega en cada casa do seu termo municipal, para facer que sexa unha festa de todos os veciños.
Unha festa que este ano vén máis galega, medioambiental e solidaria que nunca.
Galega porque a cabeza de cartel chámase Susana Seivane, pero tamén porque tocarán Dakídarría, Os Farrapos, Monoulious Dop, as Tanxugueiras, Baiuca ou as reguefeiras Lupe Blanco e Alba María.
Medioambiental porque o festival segue apostando por eses vasos reutilizables.
Solidaria porque 1 euro de cada abono que se recaude nas compras online irán destinados a colaborar coa Asociación Íntegro, radicada en Cabana.
Un festival que xa é un dos grandes referentes musicais do folk internacional, como recoñecía o propio alcalde Lolo Muíño na presentación realizada esta mañá na Estrella Galicia da Coruña. Así o refrendan bandas como os escoceses Tide Lines ou os vascos Korrontzi. Pero ademais este ano hai un pouco de todo, co ska de Dakídarría; a festa que fai a banda formada por música bretóns e escoceses Celtic Social Club; ou a electrónica de Baiuca, “unha das bandas que mellor consegue evolucionar a música tradicional galega para exportar”, como resaltou Víctor Mantiñán, da Estrella Galicia.
O festival, que conta cun orzamento supera os 125.000€, gracias entre outros á Estrella, ao Concello e á Deputación da Coruña, que seegue apoiando grandes festivais en vilas pequenas (como Fisterra, Ortigueira…), terá ademais zona de gastronomía, artesanía, mercado…
Susana Seivane, unha débeda pendente con Zas
”Para nós era como unha débeda pendente, que despois de 30 anos só pasara pola Carballeira cando tiña 10 anos” recoñecía Fidel Otero, Director do Festival.
E así o ratificou a gaiteira máis mediática da música celta, lembrando como un día, cando tiña 10 anos e xa era coñecida como “a neta de Seivane”, e aínda vivindo en Barcelona, o seu pai lle dixo “chamaron dun festival moi grande”, aló por 1987. Aquel ano fixo de telonera de Los Limones, nunha noite tan espectacular como fría.
Seivane volveu no 97, tocando cos Rexumeiros de Elviña. Pero agora, nesta xira dos 20 anos, é a primeira vez que cadra xa como solista. Recoñeceu que algún manager “que non tiña que ter tido provocou algún malentendido coa organización” foi o culpable de non ter estado xa na mítica Carballeira de Velar, un dos auditorios naturais máis fermosos do mundo. “A verdade é que é un dos meus festivais favoritos”, recoñeceu antes de rematar a rolda de prensa tocando a gaita, en clave de Sol, para implorar ás meigas e que a noite do venres 2 de agosto chegue menos frioleira.
Crónicas da Carballeira
- Carballeira 18: A maxia, principal estímulo doutra exitosa Carballeira de Zas.
- Carballeira 2017: A Festa da Carballeira vence ao orballo e ao vento coa súa música de raíz.
- Carballeira 2016: A Carballeira de Zas bate marcas