Un libro polos 40 anos de teatro afeccionado en Baio: “Que viva a risa e que viva Badius”

Emotiva xornada a vivida este sábado no Auditorio de Baio, coa presentación do libro “Badius: Historia dun grupo de teatro afeccionado (1984-2024)”, no marco do ciclo cultural Follas de Outono. Un libro editado polo goberno municipal (o 5º) e escrito por Ricardo Vigueret, director do grupo de Teatro Badius durante boa parte do periplo deste singular grupo teatral/veciñal.
A cita xuntou a máis de 100 persoas implicadas no grupo, entre actores, actrices, técnicos, colaboradores e espectadores. Non quixeron faltar moitos que formaron parte das máis de 40 obras representadas, dos que percorreron centos de quilómetros por todo o país, incluída unha xira por Suiza, dos que levan armando a Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose.
Abría o acto o alcalde de Zas, Manuel Muíño, con palabras de agradecemento para o autor do libro, lembrando o fervor cultural da época na que se consolidou Badius, a comezos dos anos 80, que coincidiu coas primeiras edicións da Festa da Carballeira de Zas. “Tantos anos despois seguen a ser dous referentes culturais de grande importancia para o noso Concello e polos que se sempre apostamos”, sinalou Muíño quen tamén recordou os seus inicios sobre un escenario como actor de Badius.
Tomou a palabra o autor do libro e director do grupo durante moito tempo xunto con Alberto Villar, Ricardo Vigueret, que levou aos asistentes nunha viaxe no tempo para repasar os 40 anos da historia de Badius. “Foron 40 anos de risas, de bromas,… dentro e fóra do escenario. Unha viaxe chea de moi bos momentos”, sinalou Ricardo. “Badius é a familia do teatro a que sí escollemos. Esa familia que marcou unha etapa nas nosas vidas”, recalcou. En varias ocasións, Ricardo Vigueret reivindicou “o Día das Letras para Labarta Pose” a quen Badius ten moi presente na súa historia con varias obras adaptadas e representadas. “Estamos preparando unha nova obra de teatro de Labarta Pose que estrearemos o ano no que se lle adique o Día das Letras Galegas”, adiantou.
Acompañado dun caloroso aplauso a intervención de Ricardo Vigueret rematou cun “Que viva a risa e que viva Badius”.
O libro poderá descargarse a través da web municipañ concellodezas.org e tamén formará parte dos regalos institucionais do Concello de Zas.