Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Héctor Cajaraville comparte as condicións para avanzar en materia de igualdade co IES de Baio

Héctor Cajaraville
Héctor Cajaraville comparte as condicións para avanzar en materia de igualdade co IES de Baio
Arrincou o Mes do Libro no IES Maximino Romero de Lema de Baio. E fíxoo co Encontro Literario con Héctor Cajaraville, que compartiu co alumnado de 3º da ESO o proceso de creación de Denébola, a Roxa. Unha obra que converte en protagonista a unha muller marcada pola superstición de ter unha cabeleira roxa e que, a pesar dos atrancos que se lle presentan, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rendas do seu destino.

O acto iniciouse cunha presentación do escritor a cargo da alumna Noa para dar paso á estrea dun booktrailer do libro realizado por unha alumna e un alumno do curso. Isto deu pé a que o autor falase de como con Denébola, ancorada no século XVII, quixo distanciarse no tempo para denunciar as desigualdades de xénero, das dificultades que seguen a ter hoxe moitas mulleres para viviren libres. Interesante o recurso do pasado como espello do presente, a pesar dos séculos de distancia, sen que resulte un anacronismo, o cal indica canto debemos aínda avanzar. Denébola é un exemplo a seguir xa que consegue cambiar a vida que elixira o seu pai para ela -ser monxa de clausura- e gozar dunha vida chea de aventuras e con toda a liberdade. Héctor Cajaraville insistiu na importancia que adquiriu a fase de documentación e investigación para dotar dun contexto axeitado a historia de Denébola.

Héctor Cajaraville no IES de Baio

O alumnado aproveitou a ocasión para manter co escritor unha animada conversa sobre múltiples aspectos da novela. Saíu un pouco de todo: o nome da protagonista, o convento de clausura, os estereotipos sobre os piratas, a homosexualide no mundo dos piratas..... Algúns dos presentes preguntáronlle se habería unha segunda parte, tanta é a curiosidade que deixa o futuro de certos personaxes da novela.

O acto finalizou cunha sinatura de exemplares, cunha foto en grupo e a entrega de agasallos para que lembre a súa visita ao noso centro. Unha visita que resultou agradable e moi ilustrativa, onde todos aprendemos que a literatura pode explicar moi ben o mundo e amosar o camiño por onde podemos transitar para que a realidade sexa moito máis xusta e mellor.

Comentarios