Venres. 26.04.2024
El tiempo

Jorge Mira: "A tumbona que hai na terraza da miña casa é o meu lugar favorito para observar o ceo"

Jorge Mira: "A tumbona que hai na terraza da miña casa é o meu lugar favorito para observar o ceo"
O fisico Jorge Mira presenta este venres en Baio o seu novo libro A que altura esta o ceo O físico Jorge Mira presenta mañá no auditorio de Baio o seu novo libro "A que altura esta o ceo?" Jorge Mira é un veciño da Costa da Morte que non necesita presentacións. Mañá venres volve como todas as fins de semana a Baio - a súa terra natal - pero coa única diferenza de que ás 21:15 horas presentará no auditorio da vila o seu último libro: "A que altura está o ceo?". No acto tamén intervirán a escritora María Canosa, o xornalista Santigo Garrido, o alcalde de Zas, Manuel Muíño e o editor de Alvarellos, Henrique Alvarellos.
  • QPC: Ainda que xa sabemos que a resposta da altura do ceo está no teu libro, ¿podes dicirnos se o ceo está a mesma altura en Baio que en Brasil?
No que atinxe ao ceo diúrno - dependendo do sitio considerado de Brasil - podería variar un pouco xa que esa altura do ceo diúrno débese ao como se apreta a atmosfera nas capas máis cercanas á terra, e entre as zonas tropicais e Baio hai algún matiz que podería afectar.
  • QPC: ¿Cal é o teu lugar preferido da Costa da Morte para observar o ceo?
Ui, sen discusión, dende a tumbona que hai na terraza da miña casa. É dende onde fixen a meirande parte das observacións do ceo na miña vida. Desgraciadamente, cada vez é máis difícil observalo dende una vila coma Baio, por mor da contaminación lumínica que hai. Cantas farolas sobran no mundo occidental!
  • QPC: ¿Esperabas que "A que altura está o ceo?" fose o segundo ensaio máis vendido en Galicia segundo o Taboleiro do Libro Galego?
A verdade é que foi toda unha sorpresa ese dato de vendas de marzo, máxime tendo en conta a gran cantidade de títulos que saen continuamente. Sen dúbida axuda o feito de termos deseñado un libro que busca chegar a amplísimos sectores de poboación.
  • QPC: ¿Con que se vai atopar o lector?
Vaise atopar coa historia dun reto que comezou nos albores da humanidade e que, curiosamente, remata na nosa época. Cando digo que remata na nosa época refírome a que é precisamente nestes anos cando se respondeu a pregunta de modo definitivo e sabemos o tamaño último do Universo: a altura final á que está o ceo. Dende a Grecia clásica - s. III a.C. -, a altura calculada do ceo fora ascendendo con moitos traballos, pero nunca era un valor definitivo, porque se sabía que había algo máis aló. O que temos agora éo. Iso si, ollo coas arrogancias de sentírmonos no cumio do progreso, porque no mesmo momento no que soubémo-lo tamaño do Universo xurdiu unha sorpresa que nos fixo ver que había aínda moito máis que descoñecíamos del.
  • QPC: ¿É un libro para todos os públicos?
Totalmente. María Canosa e máis eu dedicamos moito tempo a valora-lo enfoque que cumpría para ter a maior base posible de lectores. Diría que a partir dos 11 anos xa é posible seguir este libro.
  • QPC: Supoño que escribir un libro sobre a ciencia para o público xeral, terá detrás de sí unha enorme dificultade...
Hai moitísimo traballo detrás deste libro. O primeiro texto acabouse de escribir cando pasou a sonda "Novos Horizontes" por Plutón, a mediados de xullo de 2015, pero dende ese momento aínda tivo que pasar medio ano para te-lo libro listo: faltaba o traballo cos múltiples debuxos, retoques estéticos de todo tipo,... mesmo houbo que retocar algúns parágrafos para que encaixasen visualmente no produto final. Á parte de María Canosa e os debuxos de Dani Padrón, o rol do editor Henrique Alvarellos foi relevante na obra final. Por así dicilo, vén sendo un libro a catro mans. Síntome rarísimo. Fago multitude de actos por Galicia adiante, pero curiosamente en Baio non teño intervido tanto. Claramente hai uns nervios distintos.   Novas relacionadas Fonte

Comentarios