A Laracha, Dumbría e Zas comezan, con xuntanzas informativas, a campaña contra a velutina

Arrinca a campaña anual de trampeo de avespa velutina, xa que esta é a época na que as raíñas fundadoras comezan a formar os niños e, por tanto, o momento no que debe realizarse un maior esforzo para evitar o xurdimento de novas colonias.
Non son moitos, pero hai varios Concellos da comarca que se implican nesta praga.
Charlas en Zas e Dumbría
Este mesmo xoves 13 de marzo, Zas e Dumbría celebran charlas informativas e reparto de trampas e líquido atraínte entre toda a veciñanza.
A primeira cita será ás 12:00 horas no Centro Sociocultural de Zas.
Xa pola tarde, ás 19:00 h, hai convocatoria aberta no centro social de Dumbría (fronte ao Concello).
Na Laracha
Unha empresa especializada no control de pragas colocará un centenar de trampas en puntos estratéxicos das trece parroquias do termo municipal, centrándose especialmente en espazos verdes, parques e prazas de titularidade pública.
Ao mesmo tempo, o Concello fai un chamamento á colaboración e implicación da cidadanía nesta campaña. A veciñanza xa pode solicitar atraínte de balde no Concello, co compromiso de contabilizar as raíñas capturadas e trasladar a información á empresa que vai realizar o seguimento para coñecer os puntos do concello nos que existe unha maior presenza de velutinas.
112
Cómpre lembrar que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar aos teléfonos 012 ou 112 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia para proceder á súa eliminación en virtude do convenio entre o Concello, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Fegamp.