Lolo Muíño: “As normas do confinamento fixéronse para as cidades”
Un día máis na rolda de alcaldesas e alcaldesas que cada martes e xoves nos permite ir percorrendo a comarca nos #DirectosQPC. Unha rolda que pretende ir facendo unha ollada ao noso futuro inmediato, para ver como os Concellos poden xuntos a saída desta crise derivada da pandemia do covid-19.
Hoxe falamos con Lolo Muíño, alcalde de Zas dende 2007, obtendo maioría absoluta nas últimas 3 lexislaturas.
Muíño reivindicou o papel da administración local como a máis importante, recoñeceu a falta de información directa das administracións superiores, e lamentou que as normas do confinamento e a desescalada se fixeran pensando só nas cidades.
Cre que o aumento dos problemas sociais vai ir aumentando en canto se vaian acabando os aforros e o paro, pero reivindicou o papel das familias no rural como sustento de vida. Nesa liña agradeceu a labor do Servizo de Axuda do Fogar e de Dependencia (dous servizos que deberían ser de competencia autonómica pero acaban sufragando os Concellos como poden), con 93 usuarios e 3.244 horas.
Medidas para paliar a crise
Tamén reivindicou a importancia dos 1.000€ de axudas ao autónom@s e pemes, pensando no comercio e na hostalería, que suporán uns 200.000€ ás saneadas contas municipais, ao tempo que volveu incidir na importancia de que o goberno modifique a Lei Montoro e permita que os Concellos poidan usar o remanente de tesourería e o seu superávit. Apuntou que e política ás veces temos que tomar riscos xurídicos e intentar cousas para axudar aos veciños aínda que os concellos non teñan competencias directas e mesmo poidan ter informes técnicos en contra.
Explicou o Plan de Emprego que xa están en marcha, para facer varias contratacións.
Infraestrururas
A Praza Nova de Baio, ese proxecto estrella, sufriu a crise do covid, por iso terá varios atrasos. En todo caso, parece que xa está en marcha o proxecto de ocupación da praza despois das adquisición dos terreos, xa hai convenio con Augas de Galicia, e pode que para setembro-outubro xa comecen as obras.
Unha praza que podería ser un revulsivo para a feira de Baio, en capa caída nos últimos anos, e pola que se vai apostar para recuperar, máis pensando en produtos do agro e de alimentación, que como mercadillo.
O tanatorio municipal tamén tivo que retrasarse pois cando se decretou o estado de alarma quedaba un día de exposición pública, pero estará operativo nas vindeiras semanas.
Festas, conciliación, asociacións e cultura
Avanzou que a Carballeira de Baio non se vai organizar pero deixou a porta aberta a que a veciñanza se quere ir que vaia pola súa conta. Pero cre que a Santa de Muíño si que se podería levar a cabo.
”O sector cultural é o un dos máis tocados nesta crise”, e espera recuperar o nivel de actividade conseguido estes últimos anos, pero “sempre que recibamos información sobre os criterios a seguir”.
Tamén pediu información clara sobre como se poderán desenvolver os campamentos de verán, tan necesarios para conciliar a vida familiar e laboral, para poñelos a andar.
Sobre o asociacionsmo, considera a baixada poboacional un dos cancros do rural galego, e espera estar a altura para apoiar a todas as asociacións do Concello.
En clave patrimonial espera que a Deputación vaia dando saída ás publicacións que están na cola da imprenta para que a guía, unica en Galicia, parroquia por parroquia, de “Zas polo Miúdo” sexa pronto unha realidade.
Rolda de alcaldes e alcaldesas nos DirectosQPC
- Inés Monteagudo: "O máis duro foi ver a tristeza que sufriron as moitas persoas maiores que estaban soas”.
- Pequeño nos #DirectosQPC: “Temos que ofrecer seguridade e confianza para evitar a masificación”.
- Alcalde de Mazaricos: “Non entendo que activen os prazos dos parques eólicos en estado de alarma se non podemos informar aos veciños”.
- Mónica Rodríguez nos #DirectosQPC: “Toca escoitar, analizar e despois facer propostas para reactivar a economía”.
- A alcaldesa Sandra Insua debulla a actualidade de Camariñas nos #DirectosQPC.
- David Barbeira: "Imos ir máis alá de dar 1.000€ aos autónomos. Iso vale moito pero non é suficiente”.