Venres. 29.03.2024
El tiempo

Máis de 700 persoas participarán na ambiental Trail-Festa da Filloa de Zas

Nesta edición implantaranse medidas para reducir o impacto ambiental da proba, tales como a substitución das cintas de plástico por bandeiras de tela para marcar o percorrido e o reparto de vasos plegables e reutilizables entre os participantes

sinalizacion-trail-Filloa-Zas
A sinalización do Trail da Filloa, con telas feitas na casa
Máis de 700 persoas participarán na ambiental Trail-Festa da Filloa de Zas

O Trail da Filloa de Zas está collendo unha importancia tremenda. Toda a veciñanza vólcase con esta 3ª edición da proba polo Concello e a Asociación Deportiva Monte Brondo, na que participarán máis de 700 persoas.

A proba con maior participación é o Trail Curto (con 319 inscritos), seguida da Andaina Popular (con 300 participantes) e do Trail Longo (con 88 inscritos).

Melloras ambientais

Ademais de bater as marcas de participación, este ano traballan en clave ambiental, intentando rducir o impacto que produxeron as pasadas edicións no monte.
Un dos cambios máis importantes é a substitución das cintas de plástico coas que se marcan o percorrido por bandeiras de tela reutilizables noutros eventos.
Outra das novidades deste ano é o reemprazamento dos vasos de plástico de un só uso por outros plegables e reutilizables evitando así o desperdicio de máis de 2.500 envases que se utilizaron o ano pasado. A organización entregaralle aos participantes cadanseu vaso co fin de que empreguen o mesmo envase nas distintas zonas de avituallamento. Ademais, na praza do Concello de Zas (punto de saída e de chegada) instalaranse colectores específicos para os envases plásticos co fin de que posteriormente os residuos entren nos correspondentes procesos de reciclaxe.

Horarios

En canto ao aspecto deportivo, ao longo da mañá disputaranse tres probas diferentes. A primeira proba en comezar será o Trail Longo, de 28 quilómetros de percorrido, que arranca ás 09:15 horas. A seguinte será o Trail Curto, 17 quilómetros, que comeza ás 10:00 horas. E quince minutos despois, ás 10:15 horas, será o turno dos participantes na Andaina Popular que camiñarán 10 quilómetros ou 11 quilómetros dependendo de se os participantes escollen ou non a opción de subir ata o Monte Brondo e desfrutar dende alí dunhas espectaculares paisaxes. Tanto a saída como a meta das tres probas, está ubicada nas inmediacións da Casa do Concello de Zas. En tan só tres anos, este evento deportivo é xa un referente na comarca e unha proba diso é o número de participantes desta terceira edición. Son un total de 707 persoas as que participarán nalgunha das tres probas non competitivas.

Chegados de toda a península

Algo máis do 10% dos participantes son veciños e veciñas empadroadas no Concello de Zas, se ben a participación na organización e demais é completa (serán 50 os membros da organización. O restantes proceden de distintos puntos da comarca e incluso de fora de Galicia. Está prevista a participación de grupos chegados dende Asturias, León, Madrid e incluso de Mallorca que aproveitarán a viaxe para pasar uns días pola zona.

Descubertas naturais

Ao igual que nos anos anteriores, os participantes descubrirán moitos dos recunchos naturais que agocha o Concello de Zas. Así, ao longo dos percorridos haberá moitas sorpresas, tales como atravesar ríos, zonas de lama, un “Aquaplanning” ou descubrir os frondosos carballos que agochan o Salto de Pose, na Rilleira do Candal, onde antigamente houbo unha hidroeléctrica.

Comentarios