Martes. 28.09.2021
El tiempo

As mulleres de Vidal chegan ao IES de Baio

Inauguracion Nos somos elas en Zas
A exposición foi inaugurada pola deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, María Muíño, o alcalde de Zas, Manuel Muíño na carballeira do IES Maximino Romero
As mulleres de Vidal chegan ao IES de Baio

Xa estiveron na Coruña e mais en Malpica. Onte, as mulleres do Arquivo Vidal chegaron ao IES de Baio, nunha nova parada desta exposición itinerante chamada “Nós somos elas”, promovida pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda e pola área de Igualdade da Deputación da Coruña.

Unha mostra de 24 fotografías que retratan mulleres da Costa da Morte pertencentes a distintos períodos cronolóxicos do século XX ata 1970, principalmente. As fotos foron seleccionadas por recoller instantáneas protagonizadas por mulleres de todas as idades e polo seu rol antropolóxico de avoas, nais e fillas. Por seren o soporte dunha familia moitas veces esgazada en dous polo exilio e pola emigración forzosa. Nas súas facianas latexa a dureza dos tempos que lles tocou vivir. Cada imaxe do pasado vese homenaxeada por versos de poetas galegas do presente; voces consagradas como a de Luz Pozo Garza -falecida hai xa máis dun ano-, Helena Villar Janeiro, Pilar Pallarés, Olga Patiño ou máis novas como Berta Dávila, Lucía Aldao, Rosalía Fernández Rial…

O alumnado do IES poderá gozar desta pequena mostra de fotografías das máis de 67.000 que compoñen o Arquivo Vidal, conservado no Museo do Mar de Laxe e así, pór en valor a fotografía como testemuña da nosa historia, como ferramenta esencial da nosa memoria. Realizará un percorrido acompañado de actividades didácticas sobre o significado da composición das fotografías, a súa motivación e función e, sobre as voces poéticas que representan o futuro.

A mostra está aberta a todo o público que desexe achegarse de luns a venres ata as 19:00 da tarde durante todo o mes de maio. E un día será moi especial, coa presenza das poetas Aldao-Lado, que actuarán o día 20 de maio ás 12.45 na Casa da Cultura.

Novas relacionadas

comentarios