Venres. 26.04.2024
El tiempo

O IES de Baio celebra a súa espectacular VII Semana Cultural

O IES de Baio celebra a súa espectacular VII Semana Cultural
Semana Cultural do IES de Baio

Este ano, como non podía ser doutro xeito, a semana cultural do IES Maximino Romero de Lema comeza unha nova andaina. Hai algúns cambios organizativos, pero a idea orixinal de levar a cultura ás aulas segue sendo o principal fío condutor.

O primeiro cambio substancial é cronolóxico, posto que as datas trasladáronse á semana das Letras Galegas. Así pois, os días 13, 14 e 15 de maio serán as datas escollidas para a celebración. Outro cambio tamén na organización é a celebración de un día especial adicado a 2º de Bacharelato, unha vez rematadas as súas probas académicas, con unha xornada de portas abertas e un xantar popular o venres 24 de maio.

A inauguración desta oitava edición correrá a cargo do escritor Xosé María Lema, que fará unha presentación do seu exitoso libro “A costa do solpor”. Tamén presentarán o “Cancioneiro de Cabana” Olga Kirk e Pablo Díaz, con actuación musical incluída.

O teatro terá unha forte presenza, posto que contaremos coa escenificación de Cándido Pazó de “Memorias dun neno labrego” e a colleita propia do grupo do instituto dirixido por Ricardo Vigueret, “Parella 2.0”.

A fotografía e a conciencia social daranse a man dende o primeiro día, coas obras expostas de Gabriel Tizón sobre as súas viaxes por África. Esa mesma tarde realizaranse unha serie de “Merendas Conversas”, nas que o alumnado poderá descubrir as experiencias de moitas/os inmigrantes que chegaron á nosa comarca a través dunhas distendidas charlas nas que poderán degustar pratos típicos do seu país.

Falando de concienciación, temos a sorte de contar tamén con un obradoiro do Proxecto Íntegro para poder comprobar en primeira persoa a superación que teñen que facer na vida cotiá as persoas con deficiencias sensoriais.

A lingua é outro eixe vertebrador das actividades. Neste curso o alumnado de 4º da ESO viaxará ao país veciño, Portugal. Así pois, chamamos a Bernardo Penabade para facer un cursiño acelerado de Português básico para estudantes. A maiores tamén nos falará do Proxecto Burela e da súa importancia no panorama sociolingüístico galego.

Estando na semana das letras, este ano adicadas a Vidal Bolaño, non sería de xustiza non homenaxear a un/unha escritor/a galego/a. Así pois, temos a sorte de poder recibir a Neira Vilas. Como non podía ser doutro xeito, en terra de artistas, as pandereteiras e os gaiteiros que estudan no noso instituto interpretarán unhas pezas.

Os oficios tradicionais é outro dos puntos nos que queremos facer fincapé. “Esta noite hai unha fía, e mañá unha espadela, bóteme o caldo mi madre, que eu tamén quero ir a ela”. Este ano, o liño é o protagonista. Obradoiros de fía, tecendo entre xeracións.

A experiencia da radio nas aulas no presente curso deu o seu froito co programa “Diversodade: Rimas e radio”. Para poñerlle un broche ao proxecto, o alumnado convidará a Xurxo Souto a facer unha emisión en directo, no que a enerxía está garantida.

O xa tradicional concerto de peche da primeira parte da Semana Cultural correrá a cargo de Xoán Curiel, Héctor Lorenzo e Narf. Tres sereios sementando música coas súas particulares visións de combinar as cordas vocais coas da guitarra.

Para a xornada de portas abertas do venres 24 de maio si que se introduce un ambicioso cambio na Semana Cultural. En primeiro lugar, e máis importante, abrir o centro á comunidade que o rodea. Convidar a participar deste día tan especial a todas as asociacións do concello, aos outros centros educativos e a toda a comunidade docente, non docente e alumnado que está, pasou ou vai a pasar polo noso instituto.
O alumnado de 2º BACH, poderá gozar dunha charla con un prestixioso cociñeiro, e ademais veciño de Baio. O comezo dunha xornada gastronómica, na que Braulio García Cruz vainos ensinar a realizar receitas para “a salsa da vida”. Unhas salsas que se poderán maridar co “I Xantar e Xuntar”, nos que a ANPA e o alumnado de 4º da ESO nos sorprenderán con un churrasco para 200 persoas. (Os cartos recadados do xantar, serán destinados a sufragar os gastos da excursión de fin de curso).

Ese mesmo día contarám coa ludoteca itinerante “De troula en troula”, coa que tentaremos xuntar xeracións a través dos xogos populares.

E para poñer o agasallo sonoro a toda esta semana de actividades culturais, que mellor xeito que gozando de “A Cada Canto”. As mellores esencias da música galega xuntas, cómplices e cheas de enerxía. Guadi Galego, unha das mellores voces do folk europeo e excantante de Berrogüetto, Guillerme Fernández, integrante tamén de Berrogüetto e que xa participou con Guadi noutras aventuras musicais como Espido. Xavier Díaz, outra voz incrible, cunha importante carreira en solitario e actual cantante de Berrogüetto e Xosé Lois Romero, integrante do trío Romero, Lamas e Baamonde e recoñecido por actualizar a parte musical do mítico grupo Fuxan vos ventos. Os catro artistas, de seguro que nos farán gozar da música e da poesía nun día tan sinalado.

Novas Relacionadas

Fonte

Comentarios