Sábado. 27.04.2024
El tiempo

O PP denuncia a paralización do tanatorio de Zas

O PP denuncia a paralización do tanatorio de Zas
maqueta-tanatorio-zas O portavoz popular critica que a maqueta do tanatorio estea exposta na entrada do concello dende a precampaña O grupo municipal do Partido Popular de Zas, encabezado por David Gómez Brandariz, denunciou onte a situación de parálise na que se atopa o proxecto para a construción dun novo tanatorio no municipio. Os populares incidiron en que tras ano e medio desde a celebración das últimas eleccións municipais "o goberno local só presentou unha maqueta, que ademais leva exposta na entrada do concello desde o inicio da precampaña". “A maqueta leva tanto tempo exposta que o proxecto vai quedar obsoleto”, ironizou o portavoz dos populares, quen incidiu en que os veciños están “cansos” das promesas que o rexedor, Manuel Muíño, que “nunca leva a cabo”. Sobre este asunto, Gómez subliñou que, en pleno século XXI, resulta “complicado de entender” que o alcalde non sexa capaz de sacar adiante un proxecto “fundamental” para o municipio e polo que, segundo explicou, xa mostraron interese varias empresas. Para o portavoz popular, o problema no caso do tanatorio é que se trata dun asunto que “vén de lonxe”. “Sabemos que as cousas de palacio adoitan ir amodo, pero no Concello de Zas están paradas”, apuntou Gómez, quen lembrou que Muíño xa prometeu a construción dun tanatorio durante as eleccións municipais do 2007. Aglomerado Por outra banda, o popular criticou tamén a “chapuza” levada a cabo polo goberno local nas obras de mellora da estrada de Fontespiño ao seu paso pola parroquia de Muíño, onde os veciños trasladaron as súas queixas polo “pésimo” estado no que quedaron as cunetas, o firme - sen aglomerado - e os accesos ás leiras lindeiras nunha vía “moi transitada” e que, segundo David Gómez, terá problemas cando veñan as chuvias. “Dá a sensación de que aquí hai veciños de primeira e de segunda”, afirmou Gómez, xa que non se entende que nunhas parroquias “se fagan as cousas ben e noutras mal”. Por último, o portavoz dos populares en Zas criticou tamén a localización do novo parque infantil en Muíño, situado a 500 metros da escola unitaria, unha distancia que, segundo Gómez, “imposibilita” compatibilizar as actividades lúdicas da escola con este recinto. Novas relacionadas Fonte

Comentarios