Este sábado arranca o programa Foolas de Outono coa presentación do libro sobre os 40 anos do grupo de Teatro Afeccionado Badius

Este sábado, día 4, ponse en marcha FOLLAS DE OUTONO; un ciclo cultural ao redor da literatura no que lle daremos un espazo á creatividade local e que nos converterá no centro literario da Costa da Morte.
A primeira cita deste ambicioso programa é a presentación do libro “Badius: Historia dun grupo de teatro afeccionado (1984-2024)”, editado polo goberno municipal e escrito por Ricardo Vigueret, director do grupo de Teatro Badius. Será nun acto aberto a toda a veciñanza que terá lugar ás 18:00 horas no Centro Sociocultural de Baio e no que intervirán o Alcalde de Zas, Manuel Muíño; e o propio autor.
Trátase do quinto libro editado polo goberno municipal sobre a traxectoria de Badius, un grupo de teatro amador que, ao longo de corenta anos, consolidouse como un dos grandes referentes culturais da Costa da Morte e tamén de Galicia. Ademais de ser o fogar de ducias de actores e actrices de distintas xeracións, Badius mantivo sempre vivo o compromiso co teatro feito en galego, achegando ao público obras cheas de humor, creatividade e proximidade. Nos últimos anos tamén contribuíu á posta en valor da figura de Enrique Labarta Pose, adaptando varias das súas pezas, como O Tío Sanfona ou Unha boa misa.
“Con esta nova publicación, o goberno municipal non só rende homenaxe a un grupo que marcou a vida cultural de Baio e do concello, senón que tamén preserva para a memoria colectiva da Costa da Morte catro décadas de historia teatral protagonizadas por xente de distintos concellos da comarca. “Badius: Historia dun grupo de teatro afeccionado (1984-2024)” é unha obra fundamental para comprender a historia da Costa da Morte, sendo un reflexo vivo da evolución cultural da nosa sociedade”, sinala o Alcalde de Zas, Manuel Muíño.