Este sábado arranca a VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose
A compañía Avelaíña Teatro, coa representación “A Lola”, será a encargada de abrir este sábado 16 de abril ás 21:00 horas no Auditorio de Baio a VI Mostra de Teatro Afeccionado Labarta Pose. Unha mostra organizada polo departamento de Cultura do Concello de Zas para promover o teatro amateur e o teatro feito en galego.
O grupo pontevedrés darán protagonismo a “todas as mulleres que sobreviviron aos seus maridos, arrebatados polo terror franquista”. Nesta trama histórica xógase co presente (mediados dos anos sesenta) e co pasado (os anos da Segunda República e os inmediatamente posteriores ao golpe militar de xullo de 1936). David e Teresa son os protagonistas desta historia marcada polo “pasado non ausente”; é dicir, polos feitos acontecidos nos anos de represión que seguen a determinar as vidas e as conductas de
varias xeracións.
A función comeza ás 21:00 horas e terá lugar no Auditorio de Baio. A entrada é de balde e esta é unha obra de teatro dirixida a maiores de 16 anos.
O voto do público
Ao igual que nas pasadas edicións, o público terá un papel moi importante no reparto de premios para o que o Concello de Zas destina 3.500 euros. Ao final da representación, as persoas asistentes deberán valorar a representación de forma totalmente anónima. A obra coa mellor puntuación do público obterá 200€, un trofeo e un diploma acreditativo.
Programa
Ademais de A Lola, o programa é o seguinte:
• “Arte”, de Hipócrita Teatro. 22 de abril no Auditorio do Concello de Zas
• “Vacacións”, de A Tequerreté Teatro. 29 de abril no Auditorio Municipal de Baio
• “Os veciños do lado”, de Fauna 113. 6 de maio no Auditorio do Concello de Zas
• “A pena do cú do mundo”, de Carrachanacacha, no Auditorio Municipal de Baio