Sete familias de Zas adquiren habilidades educativas coa escola de nais e pais
09:44 16/06/16
Yolanda Vecino, educadora familiar do concello de Zas, impartiu as sesións da Escola de Nais e Pais
Foron só sete as familias que participaron na Escola de Nais e Pais posta en marcha pola concellería de Servizos Sociais de Zas e que se clausuraron onte. "Malia que era un grupo moi reducido, formado integramente por nais, foi moi constante e participativo", explica Yolanda Vecino, educadora familiar do concello, que se encargou de impartir as sesións nas que os principais obxectivos foron informar, asesorar e formar as familias na súa tarefa de actuar como pais.
Os principais temas que se trataron ao longo das seis sesións, de algo máis dunha hora de duración, foron como tratar os enfados dos máis pequenos da casa e como preparalos para que non dependan tanto dos seus proxenitores. O grupo estaba formado por nais de nenos con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos. "A experiencia por parte das nais foi positiva xa que, ademais de adquirir habilidades educativas para determinadas situacións que se dan no ámbito familiar puideron compartir experiencias e problemáticas con outras nais" di a educadora familiar. Así que as sesións impartirónse dependendo das inquietudes das familias participantes e baixo a premisa de que "educar non é fácil". Ainda así Yolanda Vecino foi quen facerlle ver ás nais participantes que a comunicación é unha parte fundamental da educación. "Ante un capricho dun neno o primeiro que hai que facer é calmalo e ser capaces de empatizar con el para poder ter unha conversa na que se solucione o problema", explica a educadora familiar.
Ésta non é a primeira vez que se fai a Escola de Nais e Pais no concello de Zas. A escasa participación obrigou a que estivera uns anos sen poder desenvolverse e este ano, por petición das asociacións de nais e pais dos centros educativos do municipio, conseguiuse formar un reducido grupo a pesares de que a convocatoria aberta a todos o alumnado do concello.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])