![A ONGD Humana encargase da xestión da roupa doada]()
A ONGD Humana encargase da xestión da roupa doada
As cifras meten medo. Durante o 2015 os veciños e veciñas de Carballo doaron un total de
59.257 quilos de téxtil usado para a súa reutilización e reciclaxe, unha cifra que representa un aumento do 5% respecto do ano anterior - 56.688 quilos-. Os depósitos realízanse a través dos
12 colectores que a organización non gobernamental Humana Fundación Pueblo para Pueblo ten instalados na capital municipal, nos que a cidadanía deposita a roupa, o calzado, os complementos e o téxtil de fogar que xa non utiliza e aos que Humana lles dá unha segunda vida.
A recollida de téxtil é un servizo gratuíto para o concello e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos urbanos. A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen á protección do medio ambiente, outorgando unha segunda vida a unha peza que doutra maneira iría parar ao vertedoiro: cada quilo de roupa que se reutiliza e non é incinerado evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea. Segundo estes parámetros,
as 59 toneladas recollidas o ano pasado en Carballo representan un aforro de 187 toneladas de CO2 á atmosfera. Na delegación de Galicia, Humana dispón de 380 colectores que o ano pasado recolleron 2.171 toneladas de téxtil usado. A nivel global, a Fundación recolleu en España 16.800 toneladas. Na actualidade, a Fundación conta con máis de 800 concellos e 500 empresas colaboradoras en España.
As pezas depositadas nos colectores de Humana teñen dous destinos: unha parte envíase ás plantas de clasificación (en Madrid, Barcelona ou Selecta) e o resto véndese a empresas de reciclaxe. As pezas enviadas ás plantas distribúense así:
O
59% prepárase para a reutilización. Desta porcentaxe, o 14% destínase á tendas de segunda man; e o 45% restante expórtase a África para ser vendida a prezos baixos a comerciantes locais coa fin de satisfacer a demanda destes países, impulsar a actividade económica local e xerar recursos para o desenvolvemento. O
35% destínase a reciclaxe, mentras que o
2% vai para a valorización enerxética. O restante
4% destinase a tratamento final (centro de tratamento de residuos).
ONGD Humana
Humana é unha organización non gobernamental para o desenvolvemento - ONGD -que desde 1987 promove a protección do medio ambiente a través da reutilización de téxtil e leva a cabo programas de cooperación en África, América Latina e Asia así como de axuda social en España.
A organización dispón de 5.200 colectores para a recollida de roupa e calzado nas principais cidades españolas.
Humana
dispón de 37 tendas de venda de roupa de segunda man en Madrid (18), Barcelona (15), Sevilla (2) e Selecta (2) que xeran os recursos necesarios para o financiamento dos programas de cooperación. A Fundación leva a cabo campañas de sensibilización ao redor da importancia da reutilización e a reciclaxe téxtil para a protección do medio ambiente e como fonte de recursos para a cooperación nos países do Sur. Humana conta actualmente con 420 empregados e forma parte da Federación Humana People to People, que agrupa a organizacións de 32 países.
Humana sinala que cada vez hai máis consciencia dos beneficios ambientais e sociais que representa a correcta xestión de residuos téxtiles. Dende a ONG manifestan o seu agradecemento aos cidadáns e cidadás polas súas doazóns e subliñan que detrás de cada colector hai un traballo intenso de preparación para a reutilización, coa finalidade de alargar a vida útil das pezas e dar un fin social á roupa usada. Todos os recursos xerados coa actividade de recollida e valorización da roupa en España dedícanse á fin social da organización. Grazas a iso, entre 2010 e 2014 destináronse 9,3 millóns de euros a proxectos de educación e agricultura en África, América Latina e Asia.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com).
- Concello de Carballo