Imprimir

A falta de pediatras, o insán costume do sistema sanitario galego

que pasa na costa | 23 de outubro de 2018

Manifestación en Zas contra os recortes en pediatría

Semana convulsa esta arredor do sistema de saúde público galego, centralizado na problemática dos pediatras. Unha situación que afecta á nosa zona directamente en concellos concretos como Zas, onde xa saíron á rúa esta pasada fin de semana os pais e nais afectados, igual que en Malpica, Coristanco, Mazaricos, Cee…

Pero é que o panorama a nivel galego é desalentador. Esta pasada semana pediatras de toda Galicia manifestábanse en contra da creación dunha “categoría profesional unificada” baixo o epígrafe "facultativo especialista de pediatría de área”. Unha medida que xera un claro malestar no sector e da que mesmo o PP xa se retractado.

Pero o problema real, segundo a CIG-Saúde é a a falta de pediatras no sistema sanitario galego. Unha situación que vén sendo alertada dende o ano 2012, data na que se publicou no DOG o Plan de Ordenación de Recursos Humanos no que se recollía xa a previsión de xubilacións nesta especialidade ata 2017.

Inestabilidade

A CIG reincide tamén en que a creación de figura de ‘pediatra de área’ non soluciona, en absoluto, o problema, senón que ademais “vai provocar inestabilidade e explotación laboral das/os que agora están”.

“A intención do PP coa creación desta categoría ás agochadas non é mellorar a atención pediátrica da poboación infanto-xuvenil galega, senón crear un posto de facultativo/a especialista polivalente para prestar servizos en máis dun centro hospitalario e de primaria”, denuncia a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín.

Esquecemento do rural

Así, a CIG-Saúde témese que detrás disto se agoche a intención de centralizar a asistencia pediátrica nos grandes núcleos de poboación desatendendo os hospitais comarcais e a atención primaria do resto dos núcleos.

Novas relacionadas

https://quepasanacosta.gal/zas-sae-a-rua-por-unha-sanidade-publica-digna/ https://quepasanacosta.gal/coristanco-ten-orzamentos-3-anos-despois-tras-un-tenso-pleno-co-servio-de-pediatria-como-protagonista/ https://quepasanacosta.gal/malpica-sae-a-rua-para-protestar-contra-os-recortes-do-servizo-de-pediatria-do-veran/
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/camarinas/a-falta-de-pediatras-o-insan-costume-do-sistema-sanitario-galego/20181023084745089502.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA