Venres. 29.03.2024
El tiempo

“Os éxitos de Teresa son éxitos de todos os veciños e veciñas de Vimianzo”

Homenaxe a Teresa Castro en Vimianzo
Homenaxe a Teresa Castro en Vimianzo
“Os éxitos de Teresa son éxitos de todos os veciños e veciñas de Vimianzo”

Ter campións do mundo é algo do que non poder fachendear moitos concellos do país. Si que os ten, Vimianzo, e por iso quixo demostrarlle o seu afecto. Fíxoo hai un meses con Damián Espasandín, e volveu facelo este domingo con Teresa Castro. A atleta trouxo dúas medallas no Campionato Mundial Máster de Atletismo de Polonia, un fito histórico para a comarca soneirá.

O Concello organizou un evento para homenaxeala. Marta Rey, Concelleira de Cultura e Deporte, foi a voz do Concello, de todo Vimianzo, deixando claro que “non hai un só veciño ou veciña que non saiban que Teresa corre, que non se teña cruzado con ela, porque adestra a todas horas”. Precisamente, Rey quixo focalizar a homenaxe “nese esforzo, nese traballo, nesa constancia, nesa humildade que lle leva permitindo sacar triunfos importantísimos nos últimos anos”, como ser campioa e plusmarquista galega, subcampioa de España…

Marta Rey daba un exemplo da humildade desta deportista, cando o ano pasado non subía ao podio (quedou 4ª no campionato de España) por un erro do xuíz. “Lonxe de enfadarse tomou a vía da superación, que pronto o conseguíu con esas medallas no último Campionato do Mundo”, sinalou.

A Teresa, natural de Noia pero vimiancesa de absoluta adopción, non lle gustan moito estes actos, e mesmo ten medo que se utilicen na contra. “Teresa non está aquí por ser muller de ninguén”, deixou claro Rey, “está aquí polos seus propios méritos”. Así o refrendan feitos como que a Galería de Mulleres do Concello de Muxía lle dedicase un mes, ou que unha aula do colexio Labarta Pose de Baio leva o seu nome. “É de xustiza que fagamos este recoñecemento na súa casa, o que non é de xustiza é que tardásemos tanto en facelo”, rematou Rey.

Pola súa parte, a propia Teresa demostrou a súa emoción, lembrando o duro que foi deixar a súa familia en Noia, pero sen dúbida sabe a día de hoxe que a decisión de trasladarse a Vimianzo foi a mellor das decisións

O atletismo é un deporte de equipo, e agradeceu o compromiso dos seus compañeiros e compañeiras. "Cada quilómetro lémbrome de todos vós", deixou Teresa.

Teresa Castro coa sua familia en Vimianzo
Teresa Castro coa súa familia en Vimianzo

Novas relacionadas

Máis novas

Comentarios