Xoves. 18.04.2024
El tiempo

A historia do Arquivo Fotográfico Vidal

Exposicion de Vidal en Laxe
Imaxe da exposición de Vidal en Laxe
A historia do Arquivo Fotográfico Vidal

Logo Fondo Fotografico Arquivo Vidal LaxeFermosa é a aposta pola recuperación patrimonial da área de Turismo de Laxe co Arquivo fotográfico Vidal. Unha iniciativa que debería servir de exemplo para poñer en valor o esquecido legado de Ramón Caamaño.

Porque cando falamos de fotografías, falamos da historia, da nosa historia. E as imaxes de Vidal permítennos coñecer a evolución dos edificios públicos e privados, e da paisaxe rural e urbana; a modernización da pesca e das actividades agrarias; as actividades ás que dedicaban os veciños ó seu tempo de lecer, os deportes que se practicaban, as festas, as romarías, os bailes; as festas en vodas eclesiásticas, bautizos, comuñóns ou celebracións públicas de carácter relixioso coma procesións, festas patronais, ermidas, capelas…; a vida política do país, a época da guerra civil e a postguerra, a actividade política, a sección feminina, os pósitos de pescadores…; os cambios na moda dos traxes; o cambio nas actitudes ante a cámara dende as fotografías máis antigas feitas en estudos fotográficos con decorados preparados; o contexto laboral nas fotografías de traballadores en grupo, coma obreiros, mineiros, mariñeiros, ou labregos en distintos ámbitos como fábricas, pesca, agricultura, gandería,…

Foto pesqueira de Jose Vidal

Proxecto de recuperación dos dous arquivos

Un proxecto integral de recuperación da historia fotográfica dos anos 60, 70 e 80 do século pasado tanto de Laxe coma dos concellos veciños, que parte da cesión de numeroso material gráfico cedido polos herdeiros da familia en decembro de 2008, e pola propia veciñanza, que continúa cun completo proceso de dixitalización e arquivación culminando nunha posta en escena en clave de exposición (fixa e itinerante) e un programa de actividades que vai dende as presentación, ata as visitas guiadas pasando polos obradoiros infantís e as visitas teatralizadas.

Son 3 os fotógrafos da familia Vidal de Laxe: Placido Vidal Díaz, José Vidal García, e José Mª Vidal Eiroa. É son dous Arquivos os que están sendo recuperados:

O arquivo de José Vidal García e de seu pai Plácido Vidal Díaz, que está dixitalizado e que xa está presentado no libro de José Vidal unha vida dedicada á fotografía que versa sobre este arquivo. Este arquivo foi donado por unha rama da familia Vidal, os herdeiros de Elba Vidal Eiroa. O Arquivo consta de 60.000 imaxes das comarcas de Bergantiños e Soneira. 

O segundo arquivo que está en fase de dixitalización é o do último da saga José María Vidal Eiroa. Foi abandonado nunhas condicións penosas pola familia de José María na planta baixa da vivenda na que vivían, e será presentado o vindeiro mes ao público. "Queda ainda moito máis que dixitalizar, pero o arquivo foi donado ao Concello de Laxe polo matrimonio que comprou a casa, pero estivo a piques de ser tirado ao lixo polas condicións nas que estaba. Consérvase de milagre", explícanos o técnico Joaquín Vidal.

Un proxecto que serve ademais para darlle sentido, para darlle vida a un espazo como é o Museo do Mar de Laxe, pechado durante anos e que, precisamente durante estes días de Semana Santa está cheo de vida. Así, estes xoves, venres e sábado, ás 12:00h, Pepe Penabade vestirase de José Vidal para realizar unhas singulares visitas teatralizadas.

Pepe Penabade facendo visitas tetralizadas de Jose Vidal

Aínda queda outra importante presentación pública que se realizará o venres 10 de maio ás 20.00 horas no marco da Primavera Científica e Cultural, pero para coñecer mellor o proxecto, facemos un repaso histórico.

Antecedentes e contextualización

Cabezudos na praza Ramon Juerga

A estreita relación da Familia Vidal de Laxe coa fotografía provén da condición de fotógrafo afeccionado de Plácido Vidal, iniciador dunha saga que comeza a sacar fotografías deste Concello e das comarcas coruñesas de Bergantiños e Soneira a finais do século XIX. A Plácido Vidal seguiríalle o seu fillo José María, traballando xa dun xeito profesional. Entre ambos, pai e fillo, conserváronse 43.475 fotografías en soporte plástico, 5.886 fotografías en vidro (89 de elas estereoscópicas) e 10.306 en papel, o que supón un arquivo documental de preto de 60.000 unidades.

O fondo abarca un período cronolóxico que vai desde finais do século XIX á década dos anos 70 do século XX. O ámbito espacial está circunscrito ás comarcas coruñesas de Bergantiños e Soneira, integradas polos concellos de Laxe, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Malpica de Bergantiños, Coristanco, Carballo, A Laracha, Zas, Vimianzo e Camariñas.

Tal é a importancia deste Arquivo que, o 29 de maio de 2010 a academia de Belas Artes transmitiu a súa felicitación ó Concello de Laxe por recuperar o Arquivo Fotográfico Vidal, indicando que a salvagarda deste patrimonio quedaba así garantida para as xeracións futuras.

Posteriormente, no ano 2017, o Concello de Laxe iniciou os trámites administrativos pertinentes ante a Concellería de Cultura, para recoñecer oficialmente o Museo do Mar como Colección Visitable. A proposta resultou satisfactoriamente aceptada polo consello da Xunta de Galicia do 8 de xuño de 2017, facéndose nel indicación expresa ás fotografías procedentes do arquivo dos fotógrafos Plácido Vidal e o seu fillo José María Vidal.

Finalmente, o 18 de setembro do pasado ano 2018, publicouse no Diario Oficial de Galicia a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural o Arquivo Fotográfico Vidal, e se determina o réxime de protección e salvagarda deste Arquivo, catalogado como patrimonio artístico e documental de Galicia.

As biografías

Jose Maria Vidal e Placido Vidal-Museos de Galicia

Plácido Vidal (1867/1956)

Naceu o 3 de novembro de 1867 no seo dunha familia acomodada de Laxe que residía nunha das vivendas da praza de Ramón Juega. Estudiou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e exerceu como avogado. Contraiu matrimonio o 7 de xaneiro de 1893 con Juana García Pose, tendo dez fillos: un morre ao nacer, oito homes e unha muller, coa cal viviría durante os últimos anos da súa vida. Faleceu o 29 de xaneiro de 1956.

Era un home cosmopolita e culto, amigo de Parga Pondal. Foi afeccionado á arqueoloxía e sobre todo á fotografía, a súa gran paixón. Xa na segunda metade do século XIX emprender viaxes a París e Londres, que aproveitou para adquirir as últimas innovacións técnicas para o desenvolvemento da fotografía: experimentos de cor, visores en relevo, cámaras, etc. Con elas capturou instantáneas desta costa que hoxe resultan cruciais na nosa comprensión da historia que nos é máis próxima.

José María Vidal (1900/1988)

Naceu en Laxe o 8 de abril de 1900, sendo fillo de Plácido Vidal e de Juana García. Cando era un adolescente comezou a interesarse polo fotografía, ata chegar a converter en profesión o hobby do seu pai. Aos 15 años realizou as súas primeiras fotografías como profesional en actos públicos: vodas, festas, etc. Interesouse por temas marítimos, naufraxios, paisaxes e, en especial, pola vida social da súa vila, Laxe, e da súa contorna. O 9 de novembro de 1928, casou con Ramona Eiroa Mouzo, con quen tivo tres fillos. A comezos dos anos 30 foi nomeado axente postal de Laxe, posto do que sería desposeído a comezos da Guerra Civil. Posteriormente, en 1947, foi nomeado axente postal de Corme, onde traballou e residiu coa súa familia ata finais dos anos 60. Faleceu o 23 de febreiro de 1988.

José María foi un home moi traballador, que compaxinou os cargos administrativos co seu labor como fotógrafo profesional. Ía a todas as feiras das vilas e aldeas dos arredores ofrecendo os seus servizos como fotógrafo, valéndose dun posto móbil e duns cantos panos de fondo. Ten feito fotos de carné e retratado casamentos, festexos, romarías e, en xeral, todos os actos públicos aos que tivo ocasión de asistir. O seu fondo fotográfico mestura a fotografía profesional coa fotografía artística, libre de ataduras, na que abundan os experimentos con encadramentos, tons, cores e accións.

Novas relacionadas

Máis novas

Comentarios