Venres. 26.04.2024
El tiempo

A Muller Rural foi protagonista na Costa

Mulleres rurais en Ponteceso
Acto polo Día Internacional da Muller Rural en Ponteceso
A Muller Rural foi protagonista na Costa

Non debería ser un día ao ano, pois na Costa da Morte temos centos de MULLERES con maiúscula, e todos os días é, de feito, o Día Internacional da Muller Rural.

Pero houbo varios concellos que este 14 de outubro si celebraron a data, como tamén fixo a Asociación Sonlilá, cunha exposición e fará cun faladoiro que tivo que ser adiado polas restricións.

Unha exposición para "poñerlle cara ás mulleres que formaron a nosa identidade. Ás que loitaron por soster a vida no noso territorio e ás que cos seus coidados e o seu traballo incansable aínda a sosteñen hoxe. A todas vós, que resistides e teimades para que o futuro no noso rural sexa posible e digno".

Mulleres de Carnota da exposicion de Sonlila
Imaxes da exposición de fotos de Sonlilá

Acto moi persoal en Ponteceso

Pola súa parte Concello de Ponteceso, que realizou un simple acto na Biblioteca Pública Municipal en presenza do alcalde Lois García Carballido, Noelia Varela, concelleira de Servizo Sociais e Igualdade, e Maite Chouciño, titular da área de Educación, Formación, Biblioteca e Patrimonio.

Varias mulleres do concello relataron a súa experiencia vital como mulleres procedentes do ámbito rural. As tres participantes foron Manuela Ures Blanco, empresaria dun taller téxtil en Pazos, Lucía Lorenzo Lantes, propietaria dun invernadoiro e dunha casa rural, e Amparo Romero Castro, percebeira recentemente xubilada.
O traballo e a asistencia ao acto destas tres mulleres foi recoñecido mediante a entrega dunha peza de barro e un diploma.

Redeiras

As Redeiras Artesás O Peirao tamén foron protagonistas asinando a renovación do convenio coa Consellería de emprego e Igualdade, para accións de sensibilización no eido da violencia de xénero e o traballo directo coas vítimas e os seus fillos e fillas. A Xunta promove coas entidades programas para a mellora da autoestima e o empoderamento das mulleres que no rural están a vivir situacións a violencia de xénero.

Por Muxía, nas redes

O Concello de Muxía conmemora o ‘Día Internacional da Muller Rural’ cunha campaña de imaxes nas redes sociais municipais. Búscase con esta iniciativa lembrar a importante contribución que as mulleres realizan no mantemento e progreso dos espazos rurais.

A través do cancelo #MuxíaMullerRural, toda a veciñanza que así o desexe pode subir unha imaxe tanto a Facebook como a Instagram, que debe precisamente reflictir o traballo da muller no rural muxián. A temática pode ser variada, calquera actividade relacionada coa vida no rural, non sendo preciso que implique a realización de traballos agrícolas ou gandeiros, pero si que se aprecie a vida no rural. O prazo para subir estas imaxes a redes remata o vindeiro 19 de outubro.

En Santa Comba

AA.VV. San Xoán de Grixoa Veciños fai este "recoñecemento público para todas as mulleres que fan posible a continuidade e mellora do noso rural".

Comentarios