Venres. 26.04.2024
El tiempo

O TSXG enterra definitivamente a mina de ouro de Corcoesto

O TSXG enterra definitivamente a mina de ouro de Corcoesto
Tractorada contra a mina de ouro de Corcoesto- Foto- Jose Manuel Ojén Imaxe da tractorada contra a mina de ouro de Corcoesto de 2013- Foto- Jose Manuel Ojén

Por se alguén podía pensar que podía resucitar, xa podemos dicir que o proxecto da Mina de Ouro de Corcoesto está absolutamente enterrado. Unha demostración de como a loita social consegue superar os lobbys e intereses económicos de grandes multinacionais. Un exemplo de como a sociedade unida pode con todo.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de desestimar todas as pretensións de Mineira de Corcoesto s.l.u e declara ser conforme a Dereito, a denegación do proxecto mineiro de Corcoesto. Unha ratificación que segue a negativa da Xunta e das asociación, como o Petón do Lobo, que tanto se teñen mobilizado.

A empresa Mineira de Corcoesto, S.L.U. presentaba un recurso solicitando que se anulasen as resolucións da Xunta de Galicia do 11 de marzo de 2014, de denegación do proxecto de explotación “Emilita” nº 121”, “Ciudad de Landró” nº 1454 e “Ciudad de Masma” nº 1455, que formaban o coñecido grupo mineiro Corcoesto, situadas nos concellos de Cabana e Coristanco.

O alto Tribunal galego confirma a insuficiente acreditación da solvencia económica e técnica do proxecto mineiro de Edgewater. O Tribunal fai especial fincapé na capacidade da Xunta de Galicia para valorar a solvencia das empresas promotoras de proxectos mineiros, e lembra a constitucinalidade da chamada “Cláusula Corcoesto”, relativa á caducidade dos dereitos mineiros introducida no 2014 pola Xunta de Galicia na reforma da Lei de minas.

Para a Asociación ambiental e cultural Petón do Lobo, “o proxecto mineiro de Edgewater en Corcoesto debera servirlle á Xunta de Galicia, e en concreto ao Director Xeral de Enerxía e Minas, para aprender que non se pode confiar nas multinacionais, que alleas aos intereses de Galicia, só venden fume e proxectos extractivos depredadores de recursos, que só se queren aproveitar ao máximo deles e que non lles importa nada as consecuencias dos seus actos”.

Nese sentido a loita social segue centrada en animar á Plataforma veciñal de Touro –O Pino a manter e preservar no tempo o espíritu de loita contra “outro proxecto depredador e contaminante” como é o que lles afecta.

Novas relacionadas

Outras novas

Comentarios