Imprimir

Publicadas as bases para un novo concurso de deseñadores da Mostra do Encaixe

que pasa na costa | 19 de agosto de 2019

A cita terá lugar na XXX Mostra do Encaixe de Camariñas, entre os días 8 e 12 de abril de 2020.

A Xunta de Goberno Local de Camariñas acordou, en sesión de data 7 de agosto de 2019, aprobar as bases do XXVII Concurso de Noveis Deseñadores de Moda, que terá lugar na celebración da XXX Mostra do Encaixe de Camariñas entre os días 8 e 12 de abril de 2020.

O obxectivo primeiro do concurso é fomentar e promocionar a aplicación do encaixe na Moda. Poden concorrer a esta convocatoria todos os noveis deseñadores con independencia da súa nacionalidade ou país de residencia, sempre e cando: Sexan alumnos ou alumnas que estean cursando estudios en centros, escolas e academias que impartan ensinanzas de deseño e técnicas de confección, teñan ou non, rematados os seus estudos; sexan persoas vencelladas ao mundo do deseño, sempre e cando non formen parte do equipo de deseño dalgunha empresa do sector.

Cada aspirante presentará unha colección composta por catro deseños. O tema e a modalidade á que poden optar é libre, tanto para moda masculina como feminina, con tódalas súas variantes, quedando excluídos os deseños de moda infantil.  A memoria poderá estar impresa en formato DIN A ou A4, na portada deberá figurar obrigatoriamente o título da colección. O nome do autor ou autora non deberá figurar en ningunha parte da memoria.

O prazo de entrega de documentación finaliza o 2 de decembro de 2019. Presentarase na Casa do Concello de Camariñas (Praza de Insuela, nº 57, 15123) en horas de oficina, de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres. Toda a información está a disposición das persoas interesadas no BOP con data 16 de agosto de 2019.

 
Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/camarinas/publicadas-bases-novo-concurso-desenadores-da-mostra-do-encaixe/20190819100823112327.html


© 2019 que pasa na costa

COPYRIGHT 2019 QUE PASA NA COSTA