Xoves. 28.03.2024
El tiempo

ENTREVISTA

"Tiven a sorte de que unha editora de Xerais pasara polo Culturgal 2015 e me chamase case dous anos despois"

150ppp_web (1)
A carballesa Laura Tova formouse en Ilustración na EASD Pablo Picasso da Coruña no 2014.
"Tiven a sorte de que unha editora de Xerais pasara polo Culturgal 2015 e me chamase case dous anos despois"

É unha das ilustradoras de moda da Costa da Morte, así que xa só por iso, deberiades seguila. O seu estilo é moi marcado, a medio camiño entre o naïf cun toque pícaro, o salvaxe e o doce. Laura Torrado Valera (Carballo, 1989), máis coñecida como Laura Tova, acaba de publicar o seu último conto infantil ‘Música no faiado’ (Xerais, 2018) xunto ao escritor Miguel Ángel Alonso Diz. Aproveitando a recente inauguración da exposición dos seus ‘Voantes’ na tenda turística Stoupa de Cee, que se poderá ver ata finais do mes de marzo, falamos con ela para coñecer un pouco máis polo miúdo a súa traxectoria.

  • Falemos dos inicios da túa traxectoria como ilustradora. Cando e porque comezaches?

Matriculeime en Ilustración no 2012, basicamente porque calquera das outras cousas non me facían feliz. Ao rematar, no 2014- 2015 comecei facendo cousiñas como calendarios, chapas, etc. con ilustracións miñas e a vendelas nunha tenda en Carballo e outra en Santiago. Desde aí, o resto foi vindo, a base de moito esforzo!

  • Nos últimos meses, deches o salto á ilustración de contos infantís. Como xurdiu a oportunidade?

Foi no Culturgal de 2015, onde participei co meu posto xunto a varias compañeiras de profesión. Tiven a sorte de que unha editora de Xerais se pasara por alí e lle gustase o meu traballo. Intercambiamos contactos, e case dous anos despois, chamoume.

  • Considéraste, pois, unha ilustradora de libros para nenos?

Creo que depende de si falamos de estilo ou de contido. Fago moitísimos traballos para adult@s, e moitos para nen@s, pero a carga narrativa, o contido é o que marca a diferenza.

  • Como é o proceso creativo cando se traballa para este público?

Traballas con outros recursos internos á hora ilustrar, pero depende moito para que sexa o encargo.

Apetéceme centrarme moito na ilustración propiamente dita e avanzar por aí

  • Ademais da ilustración infantil, plasmas os teus debuxos en tazas, chapas, camisetas, bolsas ou libretas. Tamén participas na decoración dalgún escaparate das tendas da túa vila, e mesmo fuches a ilustradora da campaña de Nadal do comercio de Carballo. Algunha outra área que che quede por explorar?

Por explorar quédanme moitísimas! É certo que son unha persoa moi inqueda neste sentido pero, agora mesmo, xusto me atopo nun momento que me apetece centrarme moito na ilustración propiamente dita e avanzar por aí.

  • Con que tipo de encargos adoitas sentirte máis cómoda? 

O que me pode facer sentir incómoda é cando o cliente está insegur@ do que quere e non avanza fluidamente. Ao principio, aceptas moitos traballos por “necesidade” económica. Vivir disto é moi complicado e, ás veces, son esos encargos os que te fan sentir incómodo, pero xa no momento de comezar a debuxar pásase! [ri]

  • Prefires a etiqueta de ilustradora ou a de artista?

Eu enmarcaría o meu traballo dentro da ilustración. Normalmente os encargos que recibo son para darlle un significado visual a algo narrativo, que ao mellor non sempre está presente o texto, pero detrás sempre o hai.

  • Algún autor que teñas como referente?

Moitísim@s! Os referentes van cambiando segundo a etapa na que te atopes. Agora mesmo diríache Rebecca Green, Leire Salaberria, Luisa Rivera, etc. E tamén galegas como Nuria Díaz e Lucía Cobo.

  • E cando non debuxas, cal é a túa afección preferida?

Uff...pois calquera que me saque da casa para non acabar no estudio debuxando! Gústame moito estar fóra, saír a cear, pasear, teatro, concertos, exposicións...E tamén me gusta moito ler e cociñar.

  • Tes preto de 2.000 seguidores no teu perfil profesional en Instagram. Consideras que as redes sociais son unha boa ferramenta para chegar ao teu público obxectivo?

Si, tamén creo que hai que saber manexalas ben e ter un enfoque claro sobre o que queres amosar de ti ou do teu traballo, ademais de non basear a túa autoestima profesional no número de “likes” ou “followers”. Creo que unha arma de dobre fío. Pero desde logo que ben utilizadas, si.

Voantes é sensibilade, filosofía, poesía e 7 amiguiños!

  • Acabas de inaugurar a exposición Voantes en na tenda turística Stoupa de Cee. Que se atopará o espectador que se achegue a vela?

Sensibilade, filosofía, poesía e 7 amiguiños! Voantes é unha exposición moi especial para min, creo que garda moito significado e que pode conectar dunha forma moi bonita e sempre positiva con aquel que se deixe.

  • Xa por último, este sábado presentas en Carballo o teu último libro ilustrado  ‘Musica no Faiado’. Algún outro proxecto no que esteas traballando?

Polo de agora teño varios obradoiros de ilustración planeados ata primavera , ademais das presentacións do libro.

Comentarios