![Dómhnall Mac Síthigh, Breanndán Ó Beaglaoich, Breandan Ó Muircheartaigh e Liam Holden no seu regreso a Dublin]()
Dómhnall Mac Síthigh, Breanndán Ó Beaglaoich, Breandan Ó Muircheartaigh e Liam Holden no seu regreso a Dublín
Verán 2016. Esta é a data na que catro irlandeses se propoñen rematar o seu peculiar
Camiño de Santiago que iniciaron hai dous anos. Aló polo verán de 2014, estes catro tripulantes partiron dende o condado de Kerry, ao suroeste de Irlanda, nunha embarcación tradicional de remo, coñecida como
naomhóg, para completar a primeira das tres etapas en que dividiron o Camiño. Cunha media de sete horas diarias remando, os intrépidos viaxeiros chegaron ata a localidade de Audierne, na Bretaña francesa. O lixeiro deseño do naomhóg, ao que equiparon de mástil e vela, permitiulles deslizarse con facilidade entre as ondas.
![Os catro tripulantes irlandeses na súa chegada ao porto de Pasaia, no verán pasado]()
Os catro tripulantes irlandeses na súa chegada ao porto de Pasaia, no verán pasado
Ao verán seguinte (2015), volveron ao punto de partida para chegar ata o porto de Pasaia, en Gipuzkoa, completando así a segunda etapa do camiño. Os
700 quilómetros da terceira e última etapa, de San Sebastián ata Fisterra, espérana completar o vindeiro verán (2016).
A tripulación está formada polo equipo
Naomhoig Na Tinte, que está integrado por Danny Sheehy (escritor), Breanndán Ó´Beaglaoich (músico), Liam Holden (pintor) e Brendan O´Mhuirceartaigh (canteiro-albanel) con idades comprendidas entre os 50 e os 66 anos. Con esta particular forma de facer o Camiño de Santiago, os peregrinos pretenden rememorar a viaxe dos celtas cara a Galicia, o que eles califican dunha "viaxe histórica e mitolóxica".
![Un dos tripulantes colgou a súa compostelana nas redes sociais antes de emprender a segunda etapa do Camiño]()
Un dos tripulantes colgou a súa compostelana nas redes sociais antes de emprender a segunda etapa do Camiño
A idea de facer o Camiño de Santiago polo mar xurdiu dunha forma moi peculiar. Primerio valoraron a posibilidade de facer o camiño de Santiago a pé. Pero a súa afección polo mar levounos a pensar na historia e, convencidos de que xa existían
rutas marítimas entre estas dúas localidades, decidiron investigar para seguir o
itinerario dos antigos celtas.
Nas dúas primeiras etapas do Camiño polo mar os peregrinos atopáronse con varias dificultades xa que o pequeno tamaño da embarcación fai que sexa moi vulnerable ao vento, polo que máis dun temporal obrigounos a acudir ao porto máis próximo. Como media, os peregrinos reman unhas sete horas ao día, ainda que depende moito das condicións que atopen.
![Reman durante unha media de sete horas ao dia]()
Reman durante unha media de sete horas ao día
Os peregrinos viaxan acompañados do xornalista
Dónal Ó Ceilleachari, que
espera en cada porto a chegada dos tripulantes para gravar un documental sobre a aventura.
[fbvideo link="https://www.facebook.com/772817366066389/videos/1086102054737917/" width="650" height="400" onlyvideo="1"]
Fonte
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.gal)