Máis de 331.000€ para a construcción de varias sendas peonís no Camiño ao seu paso por Muxía e Santa Comba
08:07 22/08/16
Dentro do proxecto para construir diversas sendas peonís en estradas provinciais que forman parte do tramo Fisterra-Muxía do Camiño de Santiago, a Deputación da Coruña vén de licitar por 331.288 euros as obras de construción de dúas novas sendas peonís nas estradas provinciais DP 5604 de Outes a Pereira por Pesadoira e DP 5201 de Muxía a Toruiñán pola costa ao seu paso polos concellos de Muxía e Santa Comba, uns tramos que coinciden co Camiño de Santiago. Na actualidade, os peregrinos transitan pola plataforma das estradas, polo que a execución destas sendas peonís supón unha importante mellora das condicións de seguridade.
Na estrada DP 5604, as obras consistirán na construción dunha senda de dous metros de ancho pola marxe esquerda, entre os PK 15+870 e o 16+220, pavimentada con zahorra artificial mistura bituminosa en quente. Baixo a senda instalarase un sistema de drenaxe de pluviais con rede de tubaxe de PVC reforzada con formigón e sumidoiros cada 25 metros. Como separación da senda peonil e o carril bici contiguo á estrada, pintaranse novas marcas viais, con resaltos no tramo máis próximo á estrada e dispositivos de captación de faros tipo “ollo de gato”.
Na DP 5201, o proxecto contempla a construción, tamén pola marxe esquerda, dunha senda de dous metros de ancho que discorrerá entre os PK 1+130 e 1+780 coas mesmas características que a anterior.
O deputado responsable da área de Vías e Obras da institución provincial e alcalde dumbriés, José Manuel Pequeño, destacou que estas accións “contribuirán a facer máis cómodo e seguro o cada vez máis transitado Camiño da Costa”.
Novas relacionadas
- Dumbría terá unha nova senda peonil dentro dun tramo do Camiño de Santiago
- Unha senda peonil unirá Carballo co polígono de Bertoa a partir do verán do 2017
- As sendas peonís chegan á Costa da Morte
- As obras da senda peonil entre Xornes, Buño e Canta La Rana arrincarán este ano
- Realizan catas para ampliar a senda peonil da ponte de Baio
- Rematada a senda peonil entre Anllóns e Ponteceso
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Deputación da Coruña