Sábado. 20.04.2024
El tiempo
Alberto Pose
21:56
14/11/14

Futsal Carballo: Porto do Souto e Brasería Caracola dan un golpe na mesa

Futsal Carballo: Porto do Souto e Brasería Caracola dan un golpe na mesa
Choque da Liga Futsal Carballo-Foto-David Castro

Nesta 3ª xornada da liga Alonso Moda, o Explotacións Porcinas Porto do Souto non quixo desaproveitar a súa oportunidade de poñerse líder en solitario no Grupo azul, mentres no Vermello o Brasería Caracola dá un golpe na mesa tras vencer ao Dolce&Café e postúlase como favorito para levarse o título xunto ao S2 Informática, que segue sen coñecer a derrota.

Grupo azul

Restaurante Río Sil - Construccións Maracaná (3-3)

Gran partido de fútbol sala o que nos ofreceron estes dous conxuntos. Partido de ida e volta ademáis de ser moi vistoso para o público presente. Calquera dos dous se puido levar a vitoria pero finalmente o fútbol foi xusto neste encontro e Restaurante Río Sil e Construccións Maracaná firmaron táboas no marcador.

Bar A Vila - Interfutsal/Deportes San Remo (4-1)

Non dá arrancado este Interfutsal-Deportes San Remo, a pesar de que no encontro do pasado martes intentou combinar e facer dano cun xogo vistoso. Finalmente o Bar A Vila levouse a vitoria claramente, cun Suko que voltou a botarse o equipo ás costas para sumar outros tres puntos e non descolgarse da zona alta da clasificación.

Hotel Pazo do Souto - Cervecería O Pazo (4-5)

Moito que falar vai a dar a dupla atacante do equipo carballés formada por Jordan e Álex Trigo, e están a demostralo partido a partido. Nesta xornada, puxéronlle as cousas moi complicadas a todo un Cervecería O Pazo que tivo que loitar ata o final para levarse os tres puntos e os pontecesáns certificarían a vitoria a poucos segundos do pitido final.

Cervecería Ágora - Explotacións Porcinas Porto do Souto (2-3)

Tras un gran comezo do Explotacións Porcinas Porto do Souto no cal se puxeron cunha vantaxe de dous goles, parecía que o encontro ía ter un claro dominador pero non foi así e Sanjurjo recurtaría distanzas antes do descanso. Á volta dos vestiarios, o conxunto local saldría á pista coa intención de levarse os tres puntos pero cando mellor estaba o Ágora, Pedro faría o 1 a 3, gol que sentou como unha xerra de auga fría. Pero o equipo carballés loitaría polo partido ata o final, Alvite faría o 2-3 e logo desto intentaríano con porteiro-xogador e ata no último segundo tería unha clara ocasión de gol para acadar o empate pero non foron quen de materializala.

Asesoría Cervantes - Carballo Futsal (8-1)

Seguen adaptándose á competición os “nenos” da liga pero pouquiño a pouco van mostrando a súa melloría ademáis de ter debaixo dos paus unha das revelacións da liga, un rapaz chamado Ferreiro que nos sorprende partido tras partido con intervencións espectaculares. Neste encontro víronse superados por un gran Asesoría Cervantes que se resarciu da derrota da pasada semana ante o Maracaná. Palermo, en tres ocasións, Diego e Julio, en dúas, e Paulo foron os goleadores do conxunto que dirixe a carballesa que foi internacional con España da modalidade, María Varela Bardanca. Mentres que Carlos Señarís foi quen fixo o gol da honra para o Carballo Futsal.


Grupo vermello

Panadería Añón - A de Pako (0-5)

Sumou os seus primeiros tres puntos o conxunto visitante e fíxoo de maneira contundente ante un equipo que non dá arrancado e que suma os seus partidos como derrotas. Juan, en dúas ocasións, Marcos, Julián e David foron os autores dos goles do A de Pako.

Cervecería Troula - Don Ordenador/SAT Xulián (6-1)

Partido cun claro dominador de principio a fin e no cal o resultado mostra o que se viu sobre a pista. O Cervecería Troula superou con creces ao conxunto visitante e chegarían ao descanso cun claro 3-0 favorable. O Don Ordenador-SAT Xulián tan só dou mostra de reaccionar á volta dos vestiarios cun tanto de Jose Landeira pero os locais non deron opción e pronto sentenciarían o encontro con tres goles máis.

Dluxe Carballo/Kasa Klandestino - S2 Informática (2-3)

Ambos equipos dominaron cadansúa metade, a primeira foi do S2 Informática e a segunda dos locais. Xerou moitas ocasións o conxunto visitante no comezo do encontro pero non foi quen de materializalas e iso a piques estivo de costarlle a vitoria ao colíder da competición na segunda metade. Mallo e Adrián Rey poñerían o 0 a 2, pero antes do descanso Maikel recurtaría distanzas no instantáneo. Á volta dos vestiarios, o dominio sería do Dluxe e empataría o encontro por medio de Maikel, pero Adrián Rey daría a vitoria para os seus cun auténtico golazo.

Cafetería Habanos 79 - Carpe Diem (1-4)

No último partido da xornada, o Cafetería Habanos 79 adiantouse no marcador cun gol de Fede, pero tras este tanto o conxunto local desgastouse demasiado en defender o resultado e eso pasoulle factura aos carballeses. Na segunda metade, o Carpe Diem convertiu o seu dominio en goles e finalmente vencería holgadamente tras materializar catro das numerosas ocasións coas que contou.

A crónica da semana: Brasería Caracola - Dolce&Café (2-0)

Braseria Caracola da Liga Futsal Carballo-Foto-David Castro
  • Brasería Caracola: Dani Varela, Iván Rojo, Camilo, Juny e Lagoa. Tamén xogaron: Diego Puente e Damián.
Dolce-Cafe da Liga Futsal Carballo-Foto-David Castro
  • Dolce&Café: Víctor, Miguel, Jorge Calvete, Matías e Uru. Tamén xogaron: Álex Figueiras e Fuentefría.
  • Goles: 1-0 m.38: Matías (pp); 2-0 m.40: Dani Varela.
  • Árbitros: Adrián (pista) e Juan (mesa).
  • Pavillón: Carballo Calero (Carballo).

Partido moi entretido e disputado, ao igual que con moitas interrupcións, o que puidemos ver na noite do luns no pavillón Carballo Calero.

Comezaron moi dubitativos ambos conxuntos e coas ideas pouco claras, pero pouquiño a pouco o equipo local comezou a crear ocasións de gol e nos primeiros nove minutos tivo ata catro claras, pero Juny en dúas e Lagoa, noutras tantas, non foron quen de materializalas. Aos 12 minutos respostaría Matías cun potente lanzamento que se vai ao lateral da rede. E, antes do descanso, Víctor sería protagonista de novo ao salvar o gol nun man a man con Juny.

Á volta do tempo de lecer, o Dolce&Café saíu a pista coa intención de ter máis o control do partido e aos tres minutos da reanudación Matías intentou superar ao porteiro do Caracola cunha vaselina pero Diego Puente evita o gol sen pasar apuros. Seguían tendo a posesión os visitantes pero pasaban moitos apuros en defensa cos contragolpes do conxunto azulón. No minuto 26, Iván Rojo salva sobre a mesma liña o gol de Jorge Calvete e na contra o propio Iván a punto esta de sorprender a Víctor pero o seu lanzamento vaise a rentes do pau. Dous minutos despois, tras unha xogada combinativa, Juny estivo a piques de facer o 1 a 0 pero o seu disparo vaise rozando o pau.

O propio xogador malpicán do Caracola tivo o gol nas súas botas logo dun contragolpe pero o seu lanzamento foise fóra. Respostaría o Dolce cunha contra de vértigo que finalmente finaliza Álex fóra por pouco. No minuto 37, Iván Rojo avisaría das intencións dos locais cun potente disparo que se foi a rentes do pau da portería defendida por Víctor. E tan só un minuto despois, Matías en propia porta fai o primeiro gol do Caracola tras unha contra de libro dos locais. A falta dun minuto para o pitido final, o xogador camellán do Dolce puido resarcirse dese autogol dende o punto de dobre penalti pero o seu lanzamento foi detido por Diego Puente. E a falta de poucos segundos, Dani Varela faría o definitivo 2 a 0 aproveitando un erro defensivo.

Choque da Liga Futsal Carballo-Foto-David Castro

Crónicas de Futsal Carballo

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios