Venres. 04.10.2024
El tiempo
10:47
08/10/13

A Conta Xeral

A Conta Xeral
A Conta Xeral

Cada ano, por estas datas, asistimos á escenificación da aprobación dos orzamentos do Estado. A recente imaxe de Cristobal Montoro presentando nun cartón o código QR das previsións de ingreso e gasto para 2014, contrasta con aquela visión, de fai uns anos, na que unha furgoneta portaba centos de folios coas estimacións orzamentarias.

En todo caso, sexa en papel, pendrive ou nun código de barras de última xeneración, intentando transmitir unha imaxe de modernidade, os orzamentos formúlanse con tempo suficiente para que poidan entrar en vigor ao inicio do exercicio –cuestión que, como xa informamos, non parece preocupar en exceso aos nosos dirixentes municipais–.

Con todo, estas cifras son estimacións de ingresos e límite de gastos. De aí que conveña fixar a nosa atención nun documento máis importante, si cabe, a conta xeral. Porque, a conta xeral, que debe ser aprobada e rendida durante o mes de outubro de cada ano, proporciona os datos liquidados do exercicio anterior, expresando o resultado da xestión económica, financeira, patrimonial e orzamentaria dunha administración pública (estatal, autonómica ou local). En definitiva, reflicte ingresos e gastos efectivamente realizados, polo que a súa difusión debería ser prioritaria e utilizada para coñecer o grao de cumprimento das previsións iniciais.

Sen embargo, comprobaremos durante os próximos días a súa escasa ou nula repercusión mediática. Por iso, non me resisto a comentar, neste artigo e no do vindeiro mes, a relevancia deste fundamental instrumento contable e de control.

Basicamente, a conta xeral está integrada polo balance, conta de resultado económico-patrimonial, liquidación do orzamento e memoria. Nos concellos é ditaminada por unha comisión (a de contas) integrada por membros dos diferentes grupos políticos. Despois da súa exposición pública, proponse ao pleno para que poida ser aprobada antes do 1 de outubro. Finalmente, deberá remitirse, antes do día 15 de outubro, ao órgano de control externo para que proceda a súa fiscalización.

En definitiva, a conta xeral permite coñecer o acerto na execución orzamentaria ao comparar ingresos previstos cos realizados, así como os créditos iniciais de gastos cos que foron definitivamente recoñecidos. Por esta circunstancia, non se entende moi ben por qué a repercusión mediática da aprobación inicial dos orzamentos supera á da aprobación da conta xeral.

Sobre todo, porque a información vai dirixida aos membros da corporación que deben aprobala, aos veciños que somos os titulares deses recursos e ao Consello de Contas de Galicia, que debe erixirse como a principal voz crítica da administración.

Previsiblemente, no mes de novembro disporase dos datos públicos que permitirán constatar cales dos nosos concellos renderon a conta xeral en prazo, e disporase de información detallada, de cada un, sobre as principais magnitudes orzamentarias de 2012. Estaremos expectantes, para informar.

  • Domingo Guerra ([email protected]). Economista. Especialista en economía pública e política económica pola USC.

Outros artigos de Domingo Guerra

Fonte

Comentarios