Domingo. 28.04.2024
El tiempo

Cousas que pasan sen que as vexas

Cousas que pasan sen que as vexas

Contan os anais da historia que unha das estratexias de control social, a fin de impoñer o relato único do poder, é conseguir manter ao pobo silenciado, illar aos suxeitos subversivos e tentar sometelos a través da violencia (física ou psicolóxica) ata crebar a súa vontade e desposuílos das súas ideas e intencións: e así din que constrúen a paz social.

Silenciar a un pobo pode semellar difícil, pero é máis fácil do que parece. Pode haber varios procesos para acadar este obxectivo, e sempre suceden en varias fases, por exemplo podería suceder así.

Primeiro a persoa ou persoas que ostente/n o poder manterán moitas conversas grupais e individuais, contando as mesmas cousas a todo o mundo, de xeito informal, familiar, distendido, case como colegas, como se fosen amigos íntimos nosos, mesmo chegarán a revelar información que nos poida parecer inapropiada dado que en realidade non temos tanta confianza.

Logo diso, falaremos entre nós, e sabendo, como persoas adultas que somos, onde están os límites do que era confidencial e non naquelas conversas, o que podemos contar e o que non, descubriremos que aquelo que falaron con nós xa o sabe todo o mundo.

Despois, nunha segunda quenda de conversas, mostraránse estas persoas do poder algo máis reservadas e dirán que xa falan menos porque se filtra información. Comeza aquí o primeiro golpe de efecto, sementan a dúbida entre nós, pois nós sabemos que todo o mundo sabe, pero non que foi a través da mesma fonte, daquela comezaremos preguntarnos: quen máis o sabía e quen foi quen o contou? 

A consecuencia é que todas as persoas comezarán ser máis reservadas, comezarán dubidar de si mesmas: será que eu non podía contar aquelo que eu entendía si podía contar? E tamén comezaremos dubidar das outras persoas todas, a falar menos, con menos persoas. 

fatima rodriguez cousas que pasan sen que as vexas

Comezaremos ser vítimas da violencia psicolóxica xeralizada.

Pero a maiores, é preciso mostrar un castigo exemplar, sinalar a alguén como culpábel e facer escarnio público, para que todo o mundo aprenda o que lle pasará se fala de máis. E saben que así conseguirán silenciar ao pobo, pero tamén saben que así conseguirán illar á persoa sinalada.

 E agora é cando saben ben a quen escoller, para matar dous paxaros dun tiro escollerán ao suxeito subversivo, a esa persoa á que desexan someter. Nada importa se é certo ou non, nada importa se é a persoa que menos fala da poboación ou a que ten menos contacto social: é a persoa subversiva e eles teñen o poder; eles teñen, polo tanto, unha autoridade moral que lles outorga unha alta credibilidade social; e teñen tamén toda unha rede de centos de mensaxeiros acríticos, fieis e leais. Teñen, en definitiva, unha verdadeira “máquina do fango”.

Antes de lanzar a acusación precisan unha lene proba, algo que todo o mundo poida ver e verificar. Chégalles con lanzar coaccións contra a persoa subversiva por calquera das súas críticas públicas. No momento que o suxeito subversivo decida non ceder ante as coaccións e, en lexítima defensa, expoña públicamente ao represor: a proba está servida e o represor presentarase como vítima. 

Agora xa, abonda con agardar o momento axeitado e lanzar a acusación: o suxeito subversivo pasará a ser paria social, pasará a ser illado, todas as persoas aprenderán a gardar silencio para non sufrir ese destino … isto está a pasar, aquí e agora.

Para combater algo, primeiro hai que o chamar polo seu nome, e, no canto de loitar na súa contra, se cedemos autoimpoñéndonos a autocensura estaremos axudando ao avance do fascismo.
  • Fátima Rodríguez Gonzálvez. Murciana de nacemento e Enxeñeira Técnica de Obras Públicas de formación, convertiuse en pontecesá e empresaria das novas tecnoloxías por decisión propia.

MÁIS ARTIGOS DE FÁTIMA RODRÍGUEZ GONZÁLVEZ.

Comentarios