Domingo. 20.10.2019
El tiempo

Lembranzas, despoboamento e turismo

Campaña da Xunta de 2017, visto en Carballo
Campaña da Xunta de 2017, visto en Carballo
Lembranzas, despoboamento e turismo

Rematei de ler o artigo de Jose Luis Louzán con tantas ideas fervendo no meu “maxín” que heme aquí escribindo ás 01:34 a.m. Eu que son de ir á cama antes da medianoite e dormir as oito recomendadas horas, hai días nos que como hoxe non podo pechar o chiringuito por máis voltas que dea. Lembrei tantas cousas con esta lectura…

(antes de seguir lendo e a risco de poñer de manifesto á falta de rigurosidade das miñas opinións, pido que leas o seu, para poder contextualizar mellor)

Lembrei a primeira vez que cheguei á Galiza, en decembro do 2002. Fixen, desde Murcia, unha viaxe en bus de máis de 12 horas para sumarme á “marea branca”. Lembrei a primeira vez que vin o nome da comarca onde agora vivo: Carballo, capital de Bergantiños, rezaba un cartaz cando xa as ansias de chegar podían con nós. Un pouco máis adiante, contra unha fachada, indicábase: Fisterra á esquerda, á dereita Malpica, o noso destino.

Lembrei a primeira vez que escoitei falar de illas en Malpica “hemos de achegarnos ao porto, para axudar a descargar os barcos que vén das illas” e pensei que eran as Cíes, tan curtos eran os meus coñecementos da xeografía galega. Lembrei a primeira vez que pisei a praia de Beo, vestindo o mono branco e coas poucas ferramentas coas que limpábamos das rochas aquela horríbel película negra. Lembrei a agarda xunto a unitaria de Beo para que nos levaran ata o pavillón e o meu asombro ao ver unha zona tan rural, con tanto agro e á vez tan preto do mar, lembrei que naquel asombro prometín que volvería, pensei que estaría ben vivir algún día nun sitio así…

E ao final caín “na espiral do furado negro que é vivir na Costa da Morte”. Vivo aquí por decisión propia... e tamén porque as miñas circunstancias persoais mo permiten e polo de agora non necesito de moitos dos servizos dos que se nos priva.

Quen vivimos aquí temos o privilexio de saber que vivimos onde os máis bonitos solpores, no paraíso das máis fermosas paisaxes, das augas azuis, dos cantís percorridos por camiños increíbeis, das paraxes desertas onde podes atopar a paz e a calma.

Pero tamén vivimos afogados pola falta de infraestuturas e de investimentos, deses reais que permitan medrar economicamente. Medrar de verdade e medrar de xeito sostible. 

Vivimos onde as autoridades teñen a osadía de poñer cartaces como a da cabeceira, invitándonos (a quen xa vivimos aquí?) a vivir aquí, e mentras tanto, recortan nos servizos sanitarios, na educación, na conservación do medio ambiente, na protección do patrimonio,… 

Eu non quero pagar menos impostos, eu quero ter servizos dignos, eu quero que o rural teña futuro, quero políticas que revertan i despoboamento.

Non pode ser que recomenden á poboación nas súas bonitas campañas RURALÍZATE e ao mesmo tempo digan, a quen xa estamos no rural, que como baixou a poboación non poden manternos os servizos.

DE QUE VIVIMOS? DE QUE VIVIREMOS?

Hai algúns poucos días nos visitaron en Ponteceso un grupo de poetas e artistas, de diversos puntos do estado, con quen tiven o pracer de partillar mesa e mantel, no transcurso da comida houbo quen me preguntou cal é o motor económico da zona… tentei explicar a grosso modo a variada composición do tecido empresarial… e a súa conclusión foi que sobrevivimos grazas ao funcionariado ao que se lle podía sumar ás pensións, dado o envellecemento da poboación.

Á miña opinión despois de darlle algunha volta é que vimos saíndo adiante grazas ás subvencións: aos AGADER, aos GALP, aos FEDER,… grazas aos cartos de Europa… que é co que se están facendo as principais inversións empresariais… pero que vai ser de nós cando rematen estas axudas?

Queren facernos crer que o camiño é o turismo, e engádenlle apelidos dos máis variados: mariñeiro, gastronómico, de natureza, cultural, …

Ollo, non nego o papel do turismo, non penso que teñamos que darlle ás costas, pero teño claro que non é o que vai reverter o despoboamento.

Si, é innegábel, o turismo está dando ingresos á bisbarra, o turismo pode darnos un balón de osíxeno, pero non nos enganemos, xa estamos a respirar dese balón e seguen a ser só coidados paliativos, a poboación segue a baixar na bisbarra.

Si, somos unha bisbarra ampla, podemos acoller moita xente, temos un potencial incríbel… pero canto turismo seremos capaces de aguantar? Cantos visitantes será capaz de aguantar o turismo? Quero dicir, cal é o límite no que unha das nosas paraxes deixa de ser incríbel e pasa a ser unha morea de xente tras a cal xa non podes ver o solpor? 

Algunha das persoas expertas en turismo que recomendan isto consideran que podemos vivir só do turismo? Canto turismo temos que atraer para que toda a bisbarra sobreviva e se reverta o despoboamento? Querémonos convertir en “Sanjejo” ou en Benidorm? Non vos enganedes, non hai unha forma sostible de revertir o despoboamento a base de turismo.

Se existise un punto de equilibrio no que a bisbarra podería vivir do turismo sen se transformar e perder a súa esencia, nese universo, a maioría de nós non temos sitio. Nese escenario, só poden vivir aquí quen poden costearse servizos básicos privados, quen viven das rendas, e non lles importa se hai ou non traballo.

En definitiva, pregúntome (sendo as 04:11 a.m., e tal vez, só tal vez, sexa o cansazo quen me leva ás teorías da conspiración) se estaremos asistindo a unha operación orquestada na que o despoboamento é a ferramenta para convertir a bisbarra nun sitio onde só poden vivir as elites? Que outro interese hai en afogar a economía da zona?

  • Fátima Rodríguez. Murciana de nacemento e Enxeñeira Técnica de Obras Públicas de formación, convertiuse en pontecesá e empresaria das novas tecnoloxías por decisión propia.

Outros artigos de Fátima Rodríguez

comentarios