Mércores. 23.10.2019
El tiempo

Con V de Vergonza

Imaxen tomada polo meu amigo Iñaki Quenerapú nun servizo de urxencias o 26/11/2018
Imaxen tomada polo meu amigo Iñaki Quenerapú nun servizo de urxencias o 26/11/2018

Este Nadal escoitei con vergonza allea as voces das primeiras persoas que así, sen máis nin máis, me contaban que estaban moi alegres co avance do partido da V en Andalucía e que pensaban votarlles sen dúbida tan pronto tiveran ocasión.

Unha destas persoas explicoume a “receita máxica” pola que o seu admirado Santiago pensaba “resolver” os problemas das longas listas de agarda na sanidade pública para (só) as persoas con emprego. Contoumo cun moi visual símil automobilístico no que coches de carreiras ten que repoñer gasolina pero deben agardar para que enchan o depósito outros que non están participando no espectáculo... A receita máxica consiste en dar prioridade absoluta ás persoas que están cotizando frente ás persoas desempregadas, pensionistas ou mesmo ás crianzas, deste xeito, dicíame, as persoas cotizantes estarán máis tempo en activo e a cadea produtiva terá menos interrupcións. 

Deberían sentir vergonza cando lanzan estas receitas porque deixan de lado o problema real da sanidade pública. Deberían sentir vergonza porque esconden as causas polas que o noso sistema sanitario está neste estado lamentábel. Tentan erguerse como salvadores do Estado, pero non ten ningún interese en mellorar nin en recuperar os dereitos e os servizos que perdimos nestes últimos anos.

O que si semella ser do seu interese é axudar aos seus compañeiros de banda, por iso non lles sinalan como responsabeis do desmantelamento sostido que vén sufrindo a sanidade pública durante anos ás mans das administracións autonómicas. Por iso non lles sinalan como responsabeis da falta de persoal tanto na atención primaria como especializada, nos servizos de urxencias, nas áreas de ciruxía dos nosos hospitales, moitos deles con alas completas pechadas, mentres as zonas que se manteñen abertas sufren unha alarmante saturación de doentes. É, a maiores, vergonzante o feito de que este desmantelamento é, como xa ben sabemos, unha descarada manobra a favor das compañías privadas, favores ás compañías privadas que dun xeito perverso trasladan á nosa elección, cando chegado o caso nos explican “para facerllo no seu hospital de referencia terá que agardar 6 meses, pero pode ir polo privado en 3 semanas” e nos trasladan a nós a responsabilidade, nos convirten asi en seús cómplices, fan que sexamos nós quen eliximos á privada frente á pública, e así conseguen a nosa avaliación da súa terríbel xestión; xogan con nós, quen vai elexir 5 meses extra de agarda para facer a intervención que necesita, por exemplo, a súa crianza?

Estes recortes da sanidade non son nin de lonxe alleos na nosa bisbarra, vémolos, por exemplo, co servizo de pediatría. O servizo de Zas está amenazado, as crianzas de Muxía e Dumbría ten que ir ata Fisterra á consulta pediátrica dende o pasado mes de febreiro, e xa contouse neste medio o suplicio dunha familia de Carnota cunha urxencia pediátrica o pasado 31 de decembro. Todo isto por recortes dos servizos desta especialidade que ata agora tiñan moito máis preto da casa e por que o Sergas non cubre as baixas e as vacacións do persoal médico. E todo isto cando a Xunta sigue a dicir que hai suficientes servizos pediátricos na Costa da Morte… 

Por todo, o país dende hai meses, os equipos médicos e sanitarios fan paros diante dos centros de saúde, así mesmo están en pé de reivindicación os servizos dos hospitales públicos e os servizos de urxencias de toda a Galiza, 22 xefes de atención primaria presentaron xa en decembro a súa dimisión.  

Pero aínda temos que ver, como o Sr. Feijóo din que non lle consta que exista un conflicto co persoal da atención primaria; apesar de que o pasado 10 de febreiro Santiago de Compostela ateigouse de manifestantes en defensa da sanidade pública… pero como Feijóo estaba en Madrid na Plaza de Colón cos seus amigos da ultradereita non debiu enterarse do que aconteceu aquí aquel día.

  • Fátima Rodríguez. Murciana de nacemento e Enxeñeira Técnica de Obras Públicas de formación, convertiuse en pontecesá e empresaria das novas tecnoloxías por decisión propia.

Outros artigos de Fátima Rodríguez

comentarios