Mércores. 09.10.2024
El tiempo
Hector Pose
19:54
10/02/13

Os imprescindibles

Os imprescindibles

Non pretendo repetir aquí a máxima brechteriana, tan plasmada en muros e portas de servicios, aludindo á tipoloxía de persoas segundo a súa implicación na loita social. Mais volvo a ela por certa e acaída ao respecto do que explico deseguido.

Meu benquerido compañeiro enliado no presente proxecto, cada vez que entrevistamos a alguén para recabar testemuñas e imaxes, non deixa de inquerir información sobre un aspecto: a relación de presidentes na historia do clube en cuestión. Sabe ben el que concordo, que si, que debemos pescudar datos nese sentido. Aínda que só sexa por poner de manifesto o presidencialismo que imperou e é estilo de xestión na maioría dos 68 equipos que fían a historia da Liga da Costa.

Velaí Vicente Carril, ao fronte do Camariñas CF desde hai 35 anos. Quen ostentou o cargo de presidente merece ser, cando menos, nomeado. Non o discuto, xa dixen.

Mais Luís tamén coincide comigo que non en poucos casos, ese rol era figurativo (por exemplo, por ser o alcalde nese intre e sobre todo nos anos nos que un clube comeza a andar); unha elección de consenso (contentar a dúas faccións de socios) ou meramente epresentativa en documentos oficiais (mais en acción e decisión eran obra e responsabilidade doutros directivos). Adianto que todas xeneralizacións, ademáis de falsas, son inxustas pero moitos exemplos houbo e hai para nomear con apelidos ou alcumes, cada un dos casos que veño de esgrimir. Claro é que tamén os hai que se eles faltasen, desaparecería o clube. Non é esta unha circunstancia que demostra o errado do prantexamento no liderado?

O que sí non é de recibo nun traballo como este que se atopa no seu meridiano, é obviar, esquecer ou non valorar como se merecen, a todas aquelas persoas (moitas delas mulleres, iletradas, de pouca ou moita idade, mesmo con algunha discapacidade física ou psíquica) que sempre estaban. En silencio, abnegadamente, como esquinadas para fuxir de focos e flashes, entregaron o seu tempo, esforzo e amosaron solidariedade paixonal ao clube: de utilleiros ou masaxistas, na cantina, coas contas, limpando, atando redes ou zurcindo vestimentas, recollendo os balóns entre o toxo ou no mar (cando non entre lápidas do cemiterio como en Camelle), nas taquillas ou cara a friaxe no marcador…de balde ou a cambio dun intre de ledicia colectiva e semanal. Fixáchedesvos nelas? Sabedes de quen falo? Pois citádeas en voz alta, nomeadamente ás que xa non están entre nós ou xa non soben ao campo porque padecen. Eses, eses son os imprescindibles!

O noso recoñecemento, pois fonda é a súa presenza cada vez que lañamos os territorios da Costa da Morte na procura das historias de vida que a conforman.

Artigos relacionados

Artigos do Mar de Paixón

Fonte

Comentarios