Remexer nos papeis doutros

Na tempada 77-78, tras a decisión federativa de esgazar a Liga da Costa en dúas xeografías deportivas –zona norte e sur-, houbo unha rebelión. Uns cantos irmandiños do futbol amador, recollendo o descontento acumulado tras anos de desleixo e inxustas decisións, erguéronse en folga fronte á FEGAUT. Sabemos deste feito, pola testemuña oral dalgúns mais tamén ao consultar libros imprescindibles como o de Xosé María Lema sobre o Baio CF ou o desaparecido semanario Riazor, do cal foi corresponsal na Costa da Morte o ex xogador da SD Ponteceso Juan Carlos Abella Cruz. Senllos textos fánse eco deste reviramento nas súas amarelas páxinas polo paso do tempo.
As protestas dos clubes ían dirixidas nomeadamente ao presidente do ente federativo, Alejandro Guillén. A súa indiferenza co fútbol costeiro mais, sobre todo, certas actuacións a prol do Deportivo Carballo presidido por Manuel Varela Cancela, encarrexaron aos modestos. Contan as crónicas que lideraron tal malestar, os voceiros Xelucho Abella (SCD Malpica), Paco Corbelle (UD Cee), Carou (UD Outes) e Santiago Romero (SD Fisterra). Eran tempos dunha recén estreada democracia, pero as formas –que sempre transmiten valores-, semellaban máis propias dos tempos ditatoriais que se viñan de sufrir. Paseniñamente, e pola unión amosada polos equipos costeiros, enderezáronse as cousas e a competición tomou renovados folgos…
Naquel tempo, para moitas vilas e quen as poboaba, o equipo local e as infraestruturas inherentes a eles, significaban o único xeito de practicar deporte, saír da gris rutina vital centrada no traballo ou socializarse máis alá dos lindeiros municipais. Por iso, calquera afrenta na arbitraxe, nun sorteo de Copa o nunha xestión administrativa dos responsables federativos da capital, era contestada desde a base. Coñecida a cacicada, axiña xurdía a protesta por boca dos directivos máis conscientes do que se estaban a xogar. Detrás dun berro de alento que levaba o nordés en Caión, dun gol e as apertas emocionadas en Esteiro, dun brindis pola vitoria en Muxía, había un aquel reivindicativo dunha terra esquecida, periférica nas preocupacións das autoridades.
Luís Porto, cronista deportivo autodidacta e compañeiro neste proxecto investigador, sábeo ben. Como co-fundador e ex directivo da SCD Malpica, mantivo sempre ollo avizor nos entresixos burocráticos que conleva comandar un club federado. Esa tarefa gris e desagradecida que poucos alleos acertan a ver senón desenvolveron tarefas directivas, é fundamental na supervivencia dun equipo. Como a de documentar a historia cotiá do acontecer de cada club e que, nesta esculca e recolleita que estamos a levar a cabo para plasmar gráficamente nun libro, resulta vital.
A biografía dos máis de cincuenta equipos que militaron algunha vez na competición da Costa da Morte, para beneficio das xeracións vindeiras, debería ser costume arraigada no seo de ditos clubs. Un labor consustancial á existencia da entidade e mesmo desexable que fora esixida como requisito pola Federación. De facelo, xeraría un patrimonio, unha búsola que axuda, e moito, a coñecer, lembrar, entender, compartir…para saber seguir.
- Hector Pose (hectorpose@quepasanacosta.gal).
Artigos do Mar de Paixón
Novas relacionadas
Máis información
- Escolle ao Xogador Super Bock da Final da Copa da Costa.
- oteuoncedacosta.tk.
- www.futboldacosta.com.
- Cadros da Copa da Costa 2012 de Afeccionados, Xuvenís e Veteranos.
Crónicas da semana
- Fases Ascenso: Un Malpica de 1ª e un Cabana de 2ª.
- Resultados: Xa temos final da Copa, un Malpica de 1ª e un Cabana de 2ª.
- Repaso dos últimos movementos no fútbol da Costa.
- Alberto Pose: Ánimo Cerqueda!.
- Vídeo entrevista de Angel Garrido co cormelán Alejo.
- Un Mar de Paixón: Tonié.
- Manuel Varela: Xa somos profesionais no fútbol costeiro?.
- Esteiro prepárase para o Campionato de Barrios e a Costa mira ao Maratón de Tordoia.
- Xogando aos médicos co #fútboldacosta.
- A Federación decide os ascensos e a Asociación de Clubes dá novos pasos.
- Redacción de Deportes de QPC (deportes@quepasanacosta.gal).