Domingo. 25.08.2019
El tiempo
José Luis Louzán
13:27
26/12/12

A fuxida

Os datos son teimudos. Un pode crer o que queira, ter a impresión de que algo é dun xeito determinado e, de repente, a estatística o tira todo por terra (ou o confirma, na minoría dos casos).

A fuxida é masiva. Nunha década, dende 2002 ata o 1 de xaneiro deste ano (datos do INE) a Costa da Morte perdeu nada menos que 6.308 habitantes. Unha burrada. Pero aínda peor. Se nos remontamos o ano 1996 (último con datos pechados polo INE sen acudir a bases históricas) a merma é directamente similar ao Éxodo xudeu das terras de Exipto. 11.270 veciños menos. A poboación de A Laracha hoxe en dia.

Por que? Bueno, a realidade e teimuda pero a estatística máis. En 16 anos o numero de empresas con máis de 50 empregados na bisbarra medrou só un 14% (datos do IGE). O mesmo tempo, o sector primario caia en picado coma empregador, acuciado por múltiples reformas (a maioría impostas pola UE) tanto a gandeiría como o sector agrícola en xeral e a pesca. Un dato. No ano 96 en Fisterra había censadas mais de 100 persoas dedicadas o marisqueo sub-acuatico do Longueirón. Actualmente a cifra rolda os 30.

Hai dous indicadores en socioloxía para determinar o “fixado” de poboación nun determinado territorio. O peso destes factores varia en función, por exemplo, da meteoroloxía ou a orografía do lugar (altas montañas e moito frío mal, cercanía ao mar en latitudes ecuatoriais ou tropicais e clima suave ben) ou no mundo capitalista a posibilidade de crear emprego e as garantías de protección social.

Aquí, na Costa da Morte, o levamos mal en todos os aspectos. En todos. A orografía dificúltanos as comunicacións terrestres, encarece a construción de estradas ou vía férrea e complica as comunicacións electrónicas (internet, cable, etc…)
O clima nos castiga impenitentemente durante 9 duros meses onde ou ben o vento, ou ben a choiva, ou ben o frío (ou os tres a vez) dificultan transitar pola estrada ou, directamente, saír a rúa.

Con este panorama, facer extrapolacións en materia de emprego me parece aventurado pero, por apuntar dous datos, o paro rexistrado na comarca en Xaneiro de 2007 (primeiro dato rexistrado por concellos pola Xunta) afectaba a 3.449 persoas. So 5 anos despois, onte, o paro rexistrado era de 5.102. E dicir, 1.653 novos parados nun lustro.

A vista de todo isto as preguntas de hai 15 días seguen vixentes. Que queremos? Onde e cando o queremos? Estamos dispostos a quedar reducidos (nun prazo relativamente breve) a unha especie de reserva natural onde unha puñado de valentes resisten o clima e as dificultades para vivir nun lugar extremo, sen oportunidades e desconectado do mundo?

Ao ritmo actual de perda de poboación, a mediados de século na Costa da Morte quedaría unha cifra de habitantes similar a poboación actual de Carballo. En 10 municipios.

Seguro que a esas alturas o impacto ambiental da poboación no territorio é mínimo.

A pensar.


  • José Luis Louzán (louzan[arroba]quepasanacosta.gal).

Novas relacionadas

Verdades

As Verdades como puños de José Luís Louzán

Fonte

comentarios