Venres. 26.04.2024
El tiempo

Especial Domingo Antonio de Andrade (XV e final): Andrade, mestre do Retablo

Especial Domingo Antonio de Andrade (XV e final): Andrade, mestre do Retablo

Aínda que ata nós chegaron poucos retablos de Domingo Antonio de Andrade non hai dúbida de que toda a retablística de finais do século XVII e século XVIII segue os modelos do mestre ceense.

O estudo da súa labor como entallador ten unha importancia fundamental para poder comprender a súa arquitectura en pedra non só no ornamental senón tamén no estructural.

Andrade é un innovador; modifica os espazos rompendo os perfís dos mobles e concibe ocos na arquitectura. Tamén difunde a columna salomónica e unha nova linguaxe de adornos vexetais.

O aparato barroco da capela maior da catedral é unha obra de gran trascendencia no curriculo profesional de Andrade. A complexidade da estrutura (peche e revestimento da cabeceira, realización do camarín e tabernáculo) fai que as obras se prolonguen desde 1658 ata 1677.

Retablo-relicario de San Paio de Antealtares-Foto- Tino Viz

Andrade traballa como oficial desde 1664 e pouco despois acometerá o revestimento dos catro últimos machóns da capela maior e todo o forro do triforio, seguindo as súas trazas e dirección. Estamos, pois, diante do que podemos considerar a súa primeira obra.

O camarín do Apóstolo é realizado entre 1665 e 1669 por Lucas Serrano e Andrade mentras que o tabernáculo será realizado entre os anos 1666 e 1677.

O conxunto final evidencia a súa construcción conforme a un programa iconográfico elaborado polo Cabildo coa especial adicación de Vega y Verdugo e a colaboración posterior de Andrade. O fin último foi a exaltación da figura do Apóstolo.

No verán de 1675 as monxas de San Paio de Antealtares encárganlle un retablo relicario e a súa capela, obra que garda moitos paralelismos ornamentais coaparato barroco da catedral e que a primeira obra conservada realizada no seu taller privado.

Retablo de Santa Clara-Foto-Tino VIz

En 1677 Andrade é chamado a Ourense xa que o seu cabildo quere levantar un camarín para a imaxe gótica do seu afamado Cristo (xemelgo do Santo Cristo de Fisterra), obra que finalmente realizaría no ano 1679. Así, o baldaquino e tabernáculo da Capela do Santo Cristo de Ourense será unha das primeiras obras barrocas en madeira da cidade das Burgas.

En 1685, o entallador Alonso González comprométese a realizar o retablo maior para a capela do Rosario no convento de Santo Domingo de A Coruña, seguindo para elo as trazas de Andrade. É unha obra característica dos anos de maior actividade do artista e está considerado como un dos mellores retablos do século XVII en Galicia.

En 1687 os frailes dominicos de Bonaval contratan a construcción dun novo retablo maior para a igrexa do convento. Esta obra consérvase parcialmente xa que durante o arcebispado de Martín de Herrera (1889-1922) foi desmontado e trasladado a igrexa de Santiago de Carril onde se aproveitaron algunhas partes para a súa capela maior.

Finalmente, no ano 1700 as monxas do convento de Santa Clara encargan o retablo maior da súa igrexa ó entallador José Domínguez seguindo unha vez máis as trazas realizadas por Domingo Antonio de Andrade.

A influencia desta obra será máis que evidente aportando como novidades a potenciación da parte central do mesmo que retrae respecto das laterais ó tempo que continúa polo ático sen división horizontal algunha. Conta ademais cunha espectacular custodia, peza única dentro do mobiliario litúrxico galego.

Retablo de Santa Clara-Foto-Tino VIz

 

Especial Domingo Antonio de Andrade, por Víctor Castiñeira

Comentarios