Vou a Montevideo!
En novembro de 1958 eu tiña cinco anos. O lugar máis afastado da miña aldea (Santa Baia de Tines-Concello de Vimianzo) no que estivera, foi en Santiago de Compostela cando, o 21 de xullo, ingresei de urxencia no Sanatorio Baltar para sandar das feridas dos dentes e poutas do lobo ou loba que deixou a pegada de 33 cicatrices no meu corpo infantil. Disque son moi afortunado xa que vou camiño de Montevideo nun barco chamado “Cabo de Hornos”. O meu pensamento estaba no desexo de atoparme con meu pai (Xesús Suárez García) que agardaba no outro lado do mar.
Supoño que quen sentía un certo acougo era a miña nai (Valentina Suárez Lema) que me collía da man para tratar de deixar atrás, o máis axiña posible, un triste acontecemento que puido rematar en traxedia. A súa firme coiraza evitoume as preguntas dos que sempre meten o fociño onde non deben. Lembro, aínda que pasaron moitos anos, que fixen un activo borrado do sucedido co lobo ou loba para centrarme en Montevideo. Andaba a repetir pola aldea adiante e a calquera que me oíse que ía a Montevideo. A miña nai di que era a resposta alporizada a algún dos veciños que me buscaba as pulgas co aguillón de que meu pai xa se esquecera de min.
Aquel barco abaneaba moito. Os mareos eran cotiás e deixei de achegarme polo comedor para non ulir aquela descoñecida comida que me facía tremer. Fun perdendo peso pero as galletas e o leite da merenda evitaron males maiores. Os días no mar están esquecidos xa que recordo as alegrías pero non as penas. Así foi que teño moi presente unha saborosa froita que agardaba por min no porto de Santos. Alí estaba emigrado o tío Xosé de Borneiro (casado en Tines cunha irmá do meu pai) que subiu ao barco cun ramallo de tres ducias de bananas. Os días seguintes e ata o desembarco recuperei enerxías coa dieta bananeira.
O “Cabo de Hornos” bota áncoras no porto da capital uruguaia o xoves 27 de novembro. O peirao está cheo de xente que berra e move os brazos para saúdar aos amigos ou familiares recén chegados. Aquel rebumbio provócame unha forte inquedanza e non diminúe ata que a miña nai me indica onde está meu pai. Agora non quito a vista dun home que leva unha camisa branca de manga curta que sorrí e non para de mover as mans. O día é solleiro pois disque estamos a un paso do verán montevideano que é moito máis caloroso que en Tines. Lembro que me chamou a atención que no redor do porto houbese poucas árbores pero moitos edificios e moitísimas letras pintadas nos muros en todo o percorrido desde o porto ata rúa Pantaleón Artigas (Barrio de Aires Puros).
Uns anos despois souben que o percorrido foi rumbo ao norte da capital: a) avenida Agraciada (actual avenida do Libertador Brigadier Xeneral Xoán Antonio Lavalleja); b) avenida San Martín; c) avenida Burgues; d) rúa Máximo Gómez; e) rúa Pantaleón Artigas. En todo o camiño fun mirando con moito interese a interminable sucesión de pintadas xa fosen sobre pequenos ou medianos muros ou en moi altas construccións. Non entendía nada pero gustábame moito. Era ben diferente da aldea onde non había nin pintadas nin tampouco carteis de ningunha clase. Aquí usan dúas cores para as letras: branco (Partido Nacional) ou vermello (Partido Colorado). O domingo 30, despois de escoitar as gaitas de “Sempre en Galicia” en Radio Carve, o meu pai dixo que era día de eleccións e que as cores que vin eran as que identificaban aos dous partidos políticos máis importantes. Pasaron moitos anos ata que puiden aprender, máis ou menos, que os cidadáns votan para elixir aos seus gobernantes xa que así o establece a “constitución” da República Oriental do Uruguai. Aquel último domingo de novembro fixo de min un defensor vitalicio da xenerosidade coa que me recibiron na moi nobre terra de Artigas, Gardel, Obdulio Jacinto Varela, Galeano e Benedetti.
Outros artigos dende Lonxe de Montevideo
- Moitas grazas, don Xosé.
- O polisón que casou coa miña curmá da Valiña.
- Aquel primeiro domingo en Montevideo.
- Imos volver!.
- Maracanaço.
- Un ferreiro de Tines en Montevideo.
- Aproveitemos o verán frenteamplista antes de que se nuble o sol!.
- Imos coa ola da esperanza.
- Un pequeno paseo por un recuncho do paraíso atlántico galego.
- O futuro da Casa de Galicia de Montevideo.
- As portas do Centro Galego de Bos Aires.