Venres. 29.03.2024
El tiempo
Miro Villar
18:08
16/02/17

"A relixión do mar", de Xosé Iglesias Lamela

"A relixión do mar", de Xosé Iglesias Lamela
Libro a Relixion do Mar de Xosese Iglesias O mariñeiro e poeta ou poeta e mariñeiro Xosé Iglesias Lamela (Cee, 1974) asina a súa segunda obra poética individual, despois de Transfusión oceánica (Caldeirón, 2014), que desta volta leva por título A relixión do mar e que nos chega co aval de gañar o IX Certame de Poesía Victoriano Taibo, convocado polo Instituto de Estudos Miñoráns, entidade que publica os libros premiados. Tanto a celebración do concurso literario como a propia edición das obras forman parte, como se di no colofón, do abano de actividades coas que «O Instituto de Estudos Miñoráns e o Concello de Gondomar promoven unha campaña para que Galicia lle dedique un Día das Letras Galegas a Victoriano Taibo». As breves notas de presentación por parte da entidade e do alcalde de Gondomar dan paso a un ben interesante limiar «Versos trazados a cabalo das ondas do mar, pra enxergar o océano maior» que asina o arqueólogo Felipe-Senén no que lembra de inicio os motivos mariños no escudo deseñado por Castelao antes de se debruzar sobre a biografía e a obra poética de Xosé Iglesias. E antes dos versos o propio poeta escribe un «Prólogo» na memoria do seu bisavó, Francisco Miguéns, o primeiro mariñeiro da estirpe, e tamén «polo amor que me dou e está a dar a súa filla, Lucía Miguéns», ao tempo que reproduce o poema que lle dedicou a ese «lobo de mar» en Transfusión oceánica. O libro ábrese con tres textos poéticos que tamén serven para explicar a forza espiritual do título: «Persignación», «Credo» e «Fe», todos tres con fortes estruturas paralelísticas como adoitan ser os textos dos devocionarios, concibidos para a oralidade. E deseguida unha morea de poemas divididos en sete partes con cadanseu título. A primeira, «Rituais», conforma unha serie que ten como eixo a recollida de diversos costumes relacionados co mundo da pesca. Velaí a súa descrición da vella Lonxa da Coruña, O Muro, e das súas múltiples músicas, as poxas, as voces a relear os prezos do peixe...; velaí «BBC 198 Quilociclos», un poema que lembra o mítico parte metereolóxico que os mariñeiros galegos, mesmo sen saberen inglés, desencriptaban para combater as borrascas do Gran Sol e dos mares de Irlanda; velaí os versos que testemuñan o labor épico dos percebeiros e das redeiras, antes de rematar con «Rosa dos ventos», como xa fixera o rianxeiro Manuel Antonio no poema «Intencións» que abre De catro a catro. «Construír un deus (Estaleiro)» xunta dezanove textos que suceden en terra, de feito o poeta confesa o maxisterio que recibiu dos carpinteiros de ribeira, nomeadamente de Francisco de Fra en San Cibrao. Acompañado dos debuxos precisos de Pablo Outón, Xosé Iglesias compila nestes versos toda unha vella sabedoría sobre a construción de barcos, que agranda o volume Tamén navegar. Escolma de poesía galega sobre carpintería de ribeira e embarcacións tradicionais (Toxosoutos, 2011), coordinado por Francisco Fernández Naval e editado para o X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia que se celebrou en Carril. Algúns dos títulos dos poemas de Iglesias Lamela non deixan dúbida e fan lembrar aqueloutro magnífico de Avilés de Taramancos que se inicia co verso «Na outra banda do mar constrúen o navío». Velaí: «Chan de madeira», «Caderna mestra», «Quilla e roda», «Costelar», «Obra morta», «Obra viva» ou «Calafate», porque: Construír un barco / É tallar na árbore a historia dun pobo A terceira parte «Meridiano da noite» descóbrenos con intensidade todos os momentos da faena pesqueira desde que «Pola popa deixamos a luz / A porta da casa». E máis unha vez, pois xa sucedera con anterioridades na poesía de Manuel Rivas, o sinal de socorro Mayday mayday mayday volve a ser motivo poético. «Mar antigo» xunta sete textos cos localización xeográfica precisa, a Costa da Morte, que no poema con este mesmo título fai unha homenaxe ao mestre José Baña Heim, autor de Costa de la muerte. Historia y anecdotario de sus naufragios, a primeira sistematización histórica que se fixo en 1980. En «Caneliñas» lembra as cofas dos baleeiros nos anos oitenta na ría de Cee e Corcubión e en «Deitado rente o mar» glosa os coñecidos versos de Celso Emilio Ferreiro, antes de rematar con «Torre de Hércules», o antigo faro que iluminou a milleiros de mariñeiros na costa coruñesa. Máis breves son as tres últimas partes «Vela mística», «Forza 9-10» e «Estrela Polar» con poemas que reiteran fíos temáticos anteriores e entre os que sobrancea «Man de Camelle»: «Un home espido enxuga / nos cabelos a pel encoirada / Uns pés palmípedes corren / espidos polas rúas / Ninguén sabe da maxia do argazo». O libro péchase co debuxo dun galeón das rías, unha longa listaxe de agradecementos e un «Glosario de termos mariñeiros» para servir de orientación a navegantes destes versos nos que o caudal de léxico específico é inmenso, como xa acontecía en Vogar de couse de Alexandre Nerium, outro poeta que tamén foi home do mar e que exerce o seu maxisterio como guía no Museo da Pesca de Fisterra. A relixión do mar ben pode acompañarse dunha visita á suxestiva canle propia de comunicación poética e do saber da súa arriscada profesión no mar que Xosé Iglesias Lamela posúe en youtube (https://www.youtube.com/user/primerovillar), na que se poden escoitar en alta mar e recitados coa súa propia voz algúns dos poemas deste libro e tamén de Transfusión oceánica, así como moitas imaxes sobre o seu arriscado e nada doado traballo, pois o poeta patronea un barco de baixura co que anda ao mar alén d'A Marola. Moito mar, moitos salseiros a correr polas veas das súas palabras.
  • Miro Villar, ceense Doutor en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, é profesor de lingua e literatura galegas, ademais de poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións periódicas. Autor do blog As crebas.
 

Artigos de Miro Villar en QPC

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios